CULTURA

Xornada de contrastes no Festival dos Abrazos con Meng Wang e Dj Floro

13/08/2009 O Festival dos Abrazos propón para o venres 14 un día de contrastes musicais. Na Igrexa de Santa María do Camiño, ás 13:00 e ás 20:00 horas, a intérprete chinesa Meng Wang achegaranos ao son oriental máis antigo a través do guzheng, un instrumento tradicional do seu país. Pola noite, ás 23:30 horas, diante da Zona "C", no parque de Bonaval, unha nova sesión de Abrazos Dixitais, na que Dj Floro exprimirá todas as posibilidades da mesa de mesturas.

Meng Wang é unha das maiores intérpretes de guzheng, con numerosos premios e recoñecementos internacionais, mesmo como representante do Consello Chino das Artes e da Academia China de Guzheng Tradicional. No ano 2002 viaxou a Europa co obxectivo de perfeccionar a súa técnica a través do estudo e coñecemento da tradición musical de Occidente.

Asentouse no Reino Unido e, logo de graduarse na Universidade de Newcastle upon Tyne, iniciou un proxecto intercultural co departamento de música da Universidade de Hull e coa Sinfónica de Hull. A súa enerxía está dirixida na actualidade a facer unha fusión creativa da súa música de raíz oriental coa tradición occidental e levala de xira por toda Europa promovendo un novo abrazo entre culturas.

Dj Floro é un dos nomes que máis soa na noite alternativa madrileña. Leva quince anos pinchando en salas e discotecas míticas desta cidade como Suristan ou La Boca del Lobo. As súas sesións son tamén frecuentes en festivais como o Art Futura, o Womad, La Mar de Músicas e o Womex. E de seguro que a moitos lles soa polas súas colaboracións radiofónicas no Trópico Utópico de Radio 3.

Está considerado un dj sen fronteiras, transmisor de emocións, sensacións, actitudes e sonoridades que veñen das rúas de calquera cidade do mundo, do pasado, do presente e do futuro. As súas sesións actuais son unha viaxe no espazo e no tempo, na que mestura electrónica, afrobeat, asian, Brasil, África, Cuba, funk, drum'n'bass, balkan, jazz, boogaloo, reggae, hip hop, flamenco… Das raíces aos cables.

Mercado das Cores
Ademais, tamén o venres 14 inaugúrase o Mercado das Cores no Festival dos Abrazos. Os artesáns e comercios singulares da zona alta da Cidade Vella saen á rúa co obxectivo de atraer o público e dinamizar esta parte da cidade, unha das menos transitadas no cotián.

Estará aberto todo o día, en horario comercial, dende as dez da mañá, e espallado pola rúa da Troia, a Vía Sacra, a praza de San Miguel e a rúa da Algalia de Arriba. A súa oferta é variada e sobre todo diferente, pois nel podemos atopar obxectos de decoración feitos con materiais reciclados, xoguetes artesáns, moda feita a medida, instrumentos de música confeccionados a man, obxectos para facer malabares, xoias de prata e acibeche, camisolas personalizadas ou mobles antigos.

Participan nesta iniciativa as tendas Lejano Sur, Vagalume, Tuvalú By Betty Bu, Keltoi, Grial, Bs Artesanía, Hola Galizia e a tenda de antigüidades de San Martiño Pinario. Ademais, os artistas Iván Sende, María Meijide e Susana Terrón presentarán pequenas mostras das súas obras, con pezas á venda, e levarán os seus talleres á rúa para amosar en directo o desenvolvemento do seu traballo.

Pola súa parte, Pablo García, artesán dedicado á elaboración de obxectos malabares, impartirá no seu posto un obradoiro de malabares. Ao longo do día desenvolveranse outras actividades, como un taller de música e xogos infantís nun espazo habilitado para os nenos. Haberá desde un xogo medieval con desafíos propios dunha xincana ata un xadrez e un parchís xigantes.

Tamén para os máis pequenos o Festival dos Abrazos reserva unha actividade todos os venres. Desta vez impartirase o segundo obradoiro infantil no parque Vista Alegre ás 11:30 horas. Titulado O libro dos meus segredos, propón a elaboración dun caderno de viaxe ao gusto de cada participante. As nenas e os nenos que queiran asistir poden inscribirse previamente a través do correo electrónico afernandez@sgae.es e nos teléfonos 981 581 821 e 981 560 082.

Compartir: