CIDADE HISTÓRICA

A reurbanización da rúa do Olvido permitirá comunicar harmonicamente Belvís co Ensanche compostelán

13/08/2009 Continúan a bo ritmo as obras da rúa do Olvido e do seu contorno, incluídas nos Fondos de Investimento Local. Esta actuación comunicará a zona de Belvís co Ensanche compostelán e permitirá eliminar beirarrúa actual de formigón para substituíla por lousas de pedra. Ademais, construirase un aparcadoiro soterrado.

A concelleira da Cidade Histórica e Rehabilitación, Olga Pedreira, e a alcaldesa en funcións, Socorro García Conde, visitaron as obras. Durante a visita Olga Pedreira manifestou que esta actuación é de gran transcendencia, pois "comunica a zona de Belvís co Ensanche compostelán", engadindo que "as obras están indo a bo ritmo e estarán acabadas antes de finais de ano".

Pedreira explicou como será o novo aspecto da zona. "Na propia rúa do Olvido consérvase o pavimento central de lousas de pedra existentes, e o muro de mampostería delimitará a nova praza do Olvido, que levará o nome de Marcial Villamor Varela", indicou. Como novidade eliminarase a beirarrúa actual de formigón, sendo substituída por lousas de pedra, para acceder a cada vivenda. "Con esta intervención conseguimos ademais harmonizar esta zona co resto da cidade histórica", engadiu.

Toda a reurbanización da rúa estará acompañada das labores de limpeza e saneamento do muro de mampostería, liberándoo do musgo e raíces e perfilándoo adecuadamente. Olga Pedreira informou tamén que este muro foi rebaixado "para reducir o impacto da súa presenza sobre as vivendas".

Nova praza e rúa urbanizada
No contorno mais occidental da área intervida abrirase a nova rúa que servirá para ascender dende Castrón d’Ouro cara os Pexigos. Olga Pedreira detallou que "obras das instalacións xa están rematadas, só faltan as do gas pola rúa do Olvido". Ademais, "ao finalizar as obras contaremos con máis de 20 prazas de aparcamento soterrado e 13 prazas en superficie", dixo. A entrada ao aparcadoiro realizouse aproveitando a rampla que xa existía para o aparcamento privado dos edificios contiguos á praza.

Tal e como explicou a concelleira, "a nova praza do Olvido ocupará o espazo central desta área, que "estará subdividida polo actual outeiriño verde, o cal se aproveitará para crear un camiño transversal que comunique a nova rúa coa do Olvido, na zona norte da praza, a máis alta e soleada; habilitarase un parque de xogos infantís e, xa na confluencia con Pexigos e Olvido, situarase un elemento icónico como é unha árbore do Olvido, que caracterizará a zona e que estará acompañada dunha área estancial con bancos á súa sombra".

Compartir: