CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC de Laraño gañará dous novos espazos para usos múltiples e xuntas

12/08/2009 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, realizou unha visita ás obras de ampliación, mellora e acondicionamento do Centro Sociocultural de Laraño. Durante a visita estivo acompañada de representantes da Asociación de Veciños, do arquitecto e dos xefes de obra.

Esta obra en Laraño está inserida dentro do programa de melloras nos edificios da Rede de Centros Socioculturais Municipais, que conta cun investimento total de 700.000 euros. A iniciativa aproveita os fondos FIL para crear emprego e mellorar o estado dos edificios da Rede co fin de habilitalos para unha programación acaída.

A obra máis importante do programa está sendo precisamente a do Centro Sociocultural de Laraño, no que se están a construír dous novos espazos adxacentes ao xa existente, que permitirán diversificar as actividades do centro. A primeira das salas proxectadas está pensada para usos múltiples e pode dividirse en dúas grazas a unha porta de corredeira. O segundo espazo, máis pequeno, servirá de sala de xuntas.

O proxecto completo aumentará uns 250 metros cadrados a superficie do centro e permitirá destinar o espazo xa existente a actividades máis específicas como unha biblioteca e unha aula de informática. A obra conta cun investimento de 400.000 euros, ten un prazo estimado de construción de seis meses e vai empregar a 16 persoas, sendo 9 destes postos de nova creación.

Mellora e acondicionamento doutros oito centros socioculturais
Mais a cobertura do programa non se cingue ao Centro Sociocultural de Laraño e acometerá a ampliación, mellora e acondicionamento doutros oito edificios da Rede de Centros Socioculturais Municipais. No caso do CSC de Vite emprenderanse melloras da climatización, mentres que as obras do LSC Lamascal centraranse na reparación do conxunto do edificio, e no CSC da Trisca na impermeabilización. Pola súas banda, os LSC de Busto, Marantes, Nemenzo e Grixoa experimentarán melloras xerais do edificio grazas a esta iniciativa, e o no CSC de Conxo e no LSC de Amio a actuación destinarase á eliminación de humidades.

Esta segunda parte do programa conta cun investimento de 300.440 euros ten unha duración de obra estimada de 189 días. Vai empregar a 16 persoas, con 9 postos de nova creación.

Compartir: