EDUCACIÓN

Continúan as visitas didácticas á exposición "Chaplin en imaxes"

12/08/2009 Ata o 30 de agosto permanecerá aberta na igrexa da Universidade a exposición Chaplin en imaxes. Tamén ata esa data continúan desenvolvéndose visitas didácticas a esta mostra. O xoves 13 de agosto, ás 11:30 horas, tocaralles aos nenos e nenas da colonia de verán do Colexio Santa Apolonia.

A colaboración entre a Concellería de Educación, a Fundación "la Caixa" e a Universidade de Santiago permite poñer a disposición das asociacións e colectivos interesados un programa de visitas didácticas a esta exposición. Dende o seu inicio levan participando máis de 200 nenos e mozos nas visitas didácticas e máis de 3.000 persoas de público en xeral.

As visitas didácticas en torno á mostra dedicada ao gran creador Charles Chaplin están divididas en cinco temas: Chaplin vístese de Charlot, a evolución do personaxe, a evolución das súas películas, a linguaxe do corpo e linguaxe do silencio, Chaplin como fenómeno de masas que tamén atrae á vangarda e o tema denominado "Imaxinar o que o público espera e facer todo o contrario".

Para facilitar o acceso dos grupos e das familias está prevista a realización de visitas guiadas á exposición. Todos aqueles grupos interesados en participar poden realizar a súa reserva chamando ao teléfono do Departamento de Educación: 981 554 400/401.

Compartir: