CULTURA

Begoña Cuquejo estrea unha peza de danza para un escaparate dentro da sección Abrazos Off

10/08/2009 O martes 11 poderase ver a segunda proposta dos Abrazos Off, a sección máis innovadora e arriscada do Festival dos Abrazos, que aposta polas rúas de Compostela como plataforma de lanzamento dos artistas máis novos e menos coñecidos. Begoña Cuquejo presenta Nin un mm, unha peza de danza contemporánea pensada para representar nun escaparate.

A bailarina Begoña Cuquejo quere achegar a danza ao público de rúa, animalo a interactuar a través da cuarta parede que supón o cristal e amosarlle así a importancia de ser espectador. O poema "Alicia", de Carlos Oroza, é a base deste traballo. A actuación será ás 18:30 horas no escaparate de Florentino no Cantón do Toural.

Por outra parte, o Festival dos Abrazos acolle un ano máis aos representantes da renovación do circo galego, desta vez, tamén o martes 11, con Malabaranda na praza das Praterías ás 12:00 e ás 18:30 horas. Nesta ocasión esta compañía sobe aos escenarios en formato dúo con dous personaxes moi especiais, dous varredores capaces de transformar o lixo en arte coa maxia dos malabares. A súa nova proposta titúlase Residuo e nela reutilizan materiais atopados no lixo. Lixo material, pero tamén humano, social e emocional. A reciclaxe pode ser unha forma de vivir..... isto é o que nos ensinarán estes dous pallasos habilidosos e concienciados co medio ambiente.

Pechará a xornada a segunda actuación do Fred Martíns Trío ás 22:30 horas na praza dos Gatos. Fred Martins ten unha traxectoria singular na música brasileira. Cunha creatividade e un sentido do ritmo particulares, en 2006 venceu no 9º Premio Visa de Música Brasileira, un prestixioso certame no que tamén conquistou o favor do público. Ademais de editar os discos Janelas (2001) e Raro e comum (2005), compuxo cancións que foron gravadas por grandes intérpretes do Brasil, como María Rita, Zélia Duncan e Ney Matogroso, que eloxia o talento de Martins: "é un compositor orixinal, que aborda un universo moi particular, interesante e poético".

Compartir: