EMPREGO

O Servizo de Intermediación Laboral atendeu máis de 4.500 consultas no primeiro semestre de 2009

10/08/2009 O Servizo de Intermediación Laboral da Concellaría de Promoción Económica e Emprego atendeu 4.503 consultas no primeiro semestre do 2009. 2.800 peticións de información, o 62,2%, realizáronas mulleres, e 1.703, o 37,8%, homes. 2.647 (o 58,8%) rexistráronse nas oficinas de Promoción Económica e Emprego situadas na rúa do Hórreo, número 100. As outras 1.856 peticións de información atendéronse a través do teléfono 981 568 752.

En xuño contabilizáronse 723 consultas, 360 nas oficinas e 363 a través do teléfono. 364 realizáronas mulleres e 359 homes. O Servizo de Intermediación Laboral atende todo tipo de peticións de información relacionadas co mundo laboral. Consultas sobre contratación, ofertas de emprego, prestacións, formación, sectores profesionais emerxentes, etc.

No caso das persoas que procuran emprego ou buscan mellorar as súas perspectivas laborais, proporciónaselle un listado das empresas do sector profesional no que están interesadas e oriéntanse sobre como deben facer a súa autocandidatura. Este servizo tamén conta cun listado de ofertas de emprego actualizado diariamente para entregarlle ás persoas interesadas que, se o solicitan, pasan a formar parte da Plataforma de Intermediación Laboral.

Espazo integrador
O Servizo de Intermediación Laboral concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego, así coma a intermediación laboral coas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes.

Un equipo de técnicos/as expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as demandas de emprego introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade das persoas usuarias.

Compartir: