EDUCACIÓN

Sete nenos e nenas saharauís viven en Santiago as súas vacacións en paz

07/08/2009 Un ano máis, o programa "Vacacións en Paz" permite a chegada a diversos lugares de España de nenos e nenas saharauís para pasar os meses de xullo e agosto. Este verán de 2009, as familias compostelás acollen a sete rapaces. Tamén como xa é tradicional, nenos e familias de acollida pasaron por Raxoi.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a concelleira de Educación, Mercedes Rosón, recibiron e saudaron a catro destes rapaces, que estarán en Santiago ata o mes de setembro. Desexáronlles unha boa estadía en Santiago, preguntáronlles sobre a súa adaptación e agradeceron ás familias o seu labor de acollida.

Como é costume con este programa Vacacións en Paz, o Concello fíxose cargo das pasaxes do grupo dende Tinduf-Alxeria a Santiago, así como do regreso. Os nenos son sometidos a revisións médicas e o seu aloxamento realízase nas casas de familias compostelás, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e daqueles outros que se deriven da súa estadía. Os nenos e nenas están acompañados por un monitor saharauí que actúa de reforzo e de apoio ás familias. En Galicia, hai este verán uns 600 rapaces, repartidos en 160 concellos.

O programa Vacacións en Paz atende a solicitude da Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí. Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria.

Con esta iniciativa preténdese ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos e a promover valores de solidariedade coa cooperación dos composteláns.

Este tipo de visitas son moi importantes para que eles desenvolvan unha concepción do mundo máis ampla e sólida, para que adquiran uns marcos de referencia elementais e non mediatizados respecto a outros países, dentro do seu propio proceso de maduración persoal e sen prescindir da rica tradición do seu pobo. Ao mesmo tempo quérese facilitar a relación de familias de Santiago con rapaces doutras culturas.

Compartir: