ALCALDÍA

O Ministerio de Fomento aproba o proxecto do paso inferior de Conxo

07/08/2009 O Ministerio de Fomento autorizou e aprobou o proxecto do túnel de Conxo, unha obra que suporá un investimento de máis de 7 millóns de euros. Así o anunciou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen indicou que "o razoable é que as obras poidan comezar na primavera de 2010".

Na súa última rolda de prensa antes das súas vacacións, do 10 ao 23 de agosto, Sánchez Bugallo recordou que o paso inferior transcorrerá por debaixo da rotonda de Conxo. Con esta autorización ministerial, iníciase o proceso para as expropiacións e para a propia licitación da obra. Lembrou tamén que esta obra non estaba inicialmente incluída no convenio asinado no seu día co Ministerio de Fomento.

Sobre o proceso de expropiación, indicou que serán "expropiacións pequeniñas". Neste sentido, apuntou que "como máximo, entendo que se pode ver unha vivenda afectada". Respecto da coincidencia desta obra con outras que se están a realizar na cidade, Sánchez Bugallo afirmou que "preferimos que coincida a que non se faga".

Cidade da Cultura
O alcalde tamén se referiu á Cidade da Cultura e considerou "moi correcta e positiva" a decisión de transferir 42 millóns de euros para a dotación de accesos e urbanización interior do recinto. Considerou que está é unha medida acertada para abrir canto antes a Cidade da Cultura e poñela en valor.

Sobre os prazos para o remate do proxecto, Sánchez Bugallo afirmou que "é evidente que hai que facer unha reformulación de prazos e sería conveniente que a Xunta nos dera unha data de remate para os dous edificios que faltan". Así, apuntou a data do 2015 como unha hipótese razoable.

Bos datos de Lavacolla
Ademais, o rexedor municipal falou dun avance dos datos de tráfico aéreo de AENA, segundo o cal, o aeroporto compostelán medrou en xullo un 10% en relación ao mesmo mes do ano 2008. "No actual escenario, este é un dato digno de ser destacado", dixo.

Segundo Sánchez Bugallo, estes datos avalan a aposta feita no seu día polos voos de baixo custo, xa que precisamente foi a compañía que os realiza preferentemente a que máis medrou neste período. "Lavacolla está salvando o sector turístico en Galicia"; concluíu.

Informacións xornalísticas sobre investigacións xudiciais
Preguntado o alcalde polas informacións xornalísticas respecto á investigación xudicial sobre algunha adxudicación, este anunciou que o Concello, a través dos seus servizos xurídicos, vai a persoarse para solicitar que se levante o secreto de sumario. Ante o goteo de informacións xornalísticas, Sánchez Bugallo apuntou que "o secreto de sumario utilizase para protexer unha investigación, non para que cada día saian informacións nos medios de comunicación, o cal implica para os afectados "unha indefensión ante algo que non coñecen". Tampouco descartou "pedir responsabilidades a quen as teña".

Sobre o procedemento de adxudicación negociado, o alcalde indicou que "é unha mala práctica, pero non é ilegal e é unha práctica moi frecuente en todos os Concellos para obras menores". Neste sentido, insistiu en que a lei concede nestes casos de obras menores unha "discreccionalidade" aos concellos.

Sánchez Bugallo referiuse tamén á actuación do xuíz, da que dixo que "está baseada en sospeitas, e unha cousa son as sospeitas e outra os feitos consumados". A este respecto, recordou que a Fiscalía "refírese a sospeitas e non respalda a decisión xudicial de decretar o secreto de sumario".

Para o alcalde, este tema é "un motivo de preocupación, poro afecta á imaxe de honestidade e transparencia deste Concello, á credibilidade das institucións e á confianza que os cidadáns teñen nestas institucións".

Compartir: