EMPREGO

Vinte e unha persoas accederon ao mercado laboral a través do Crear VI no primeiro mes do programa

06/08/2009 Das 100 persoas que participan no Proxecto Crear VI, 21 (11 mulleres e 10 homes) xa accederon ao mercado laboral no primeiro mes do programa, que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. O obxectivo do programa é que accedan ao mercado de traballo persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción.

O Proxecto Crear VI conta cun orzamento de 168.235 euros, cofinanciados pola Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Está previsto que remate en abril de 2010. As persoas que participan no Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción.

Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías personalizadas, onde as/os usuarias/os van perfilando o seu Plan Persoal de Inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Durante o mes de xullo realizáronse 117 titorías personalizadas. Unha vez concretado este plan, no que se definen os perfis profesionais das/os participantes.

Nunha segunda etapa desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. As persoas participantes no Crear VI demandaron formación en 84 apartados, que se poden agrupar nunha decena de itinerarios formativos. Está previsto que en agosto se desenvolvan cinco cursos: Mantemento básico, Mapostería-xardinería, Instrumentos e técnicas no proceso de búsqueda de emprego, Francés e Ofimática básica.

A terceira etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para as/os usuarias/os que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfis dos demandantes. En xullo contactouse con 132 empresas, que ofertaron 37 postos de traballo. A cuarta e última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron inserirse laboralmente e das que están traballando pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego.

A través do Proxecto Crear V, rematado en abril e desenvolvido tamén pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, accederon ao mercado laboral 49 dos/as 75 participantes, o que representa o 65,3% do total, case o doble da cifra fixada pola Xunta de Galicia para o programa, que é do 35%.

Compartir: