CULTURA

Á venda as entradas para ver o Coro da Capella e a Orquestra Sinfónica de San Petersburgo

06/08/2009 Xa están á venda as entradas para ver o Coro da Capella e a Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, que actuarán en Compostela o 18 e o 19 de agosto. Oportunidade para ver por primeira vez en Galicia e estas dúas formacións, das máis prestixiosas do mundo nos seus respectivos xéneros.

O Coro da Capella de San Petetersburgo é coñecido internacionalmente como un dos mellores do seu xénero e tamén é un dos máis lonxevos. Con máis de cinco séculos de historia, este verán visitará Galicia por primeira vez, da man do Festival dos Abrazos. Virá, ademais, acompañado da Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, que se creou en 1882 e da que saíron moitos dos grandes compositores rusos.

A Orquestra actuará na praza da Quintana o día 18 ás 22:00 horas, cun prezo de entrada de 15 euros, mentres que o Coro farao ao día seguinte na igrexa de Bonaval, cun prezo de 10 euros. As entradas pódense mercar no despacho de billetes electrónico de Caixa Galicia (http://taquilla.caixagalicia.es) ou a través do teléfono 902 43 44 43.

Os cantos lapóns de Skaidi
Despois dos malabares, a música en movemento e a estrea de Skaidi, o Festival dos Abrazos continúa o venres 7 cunha nova actuación deste dúo que mestura o jazz máis contemporáneo co ancestral canto yoik dos lapóns. O yoik é moito máis que o canto do pobo sami. O yoik é unha marca de identidade para os habitantes da Laponia que sobreviviu a múltiples avatares, incluída a súa prohibición, e que hoxe cobra novas vidas en voces como a de Inga Juuso. A cantante lapona uniuse hai dez anos ao baixista noruego de jazz Steinar Raknes para xuntos crear unha música que parte das tradicións do jazz e o yoik para transcendelas. A cita é ás 13:00 horas na Igrexa de Santa María do Camiño.

Obradoiros infantís
Antes, ás 11:30 horas, o parque de Vista Alegre acollerá o primeiro dos obradoiros infantís que Arteria Noroeste organiza cada venres á mesma hora. Nesta ocasión, os pequenos aprenderán a construír unha maqueta na que recrear o espazo dos soños. O día 14 aprenderán a elaborar un libro ou un caderno de viaxe, o día 21 haberá unha actividade de animación á lectura e o 28 elaborarán traxes fantásticos dos seus personaxes favoritos. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo electrónico afernandez@sgae.es e nos teléfonos 981 581 821 e 981 569 082.

Compartir: