ALCALDÍA

A rúa Raiola cambia o seu aspecto con novas beirarrúas e servizos

06/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de reurbanización da rúa Raiola, en Lamas de Abade. Esta actuación, financiada polos fondos FIL, está xa na súa recta final e supuxo un investimento de 380.169 euros.

A reurbanización da rúa Raiola implicou a intervención sobre 3.522 metros cadrados. Desta superficie, 959 metros cadrados son de beirarrúas, que gañaron en amplitude e calidade. Actuouse tamén sobre 2.076 metros cadrados de calzada, que agora pasa a ter un ancho de 3,50 metros. Tamén se habilitou unha banda de aparcamento de 486 metros cadrados, con anchos de 2,50 e 3 metros.

As obras permitiron igualmente instalar novo mobiliario urbano, incorporando tres bancos e cinco papeleiras. A renovada iluminación está composta por 23 unidades, que outorgan á rúa un novo aspecto urbano. A intervención completouse coa reposición das redes de gas, comunicacións, electricidade, saneamento e abastecemento.

Compartir: