CULTURA

O COAG participa no Festival dos Abrazos cunha intervención sobre o diálogo entre a xente e a arquitectura da cidade

04/08/2009 O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia contribúe á segunda edición do Festival dos Abrazos cunha instalación de arquitectura efémera que reflexiona sobre o papel desta mostra artística intercultural e multidisciplinar como correctora e potenciadora das cualidades do cotián, do existente. Pode visitarse ao longo de todo o mes de agosto de 2009 en Xoán XIII, nos soportais da praza da Quintana onde se atopa a propia sede do Colexio e máis na Estación de Autobuses de Compostela.

Iván Andrés, presidente da comisión de cultura da delegación do COAG en Santiago explica que a intención da instalación proposta polo Colexio é potenciar unha relación íntima coa cidade, "que a arquitectura nos abrace, nos acolla". "A arquitectura de Compostela é áspera e no verán recolle todo o calor", explica, "subliñando os espazos de sombra cunhas teas suaves e frescas, que se poidan tocar, queremos que o Patrimonio acolla a xente".

As propostas culturais máis innovadoras e variadas
Os mércores son nesta segunda edición do Festival dos Abrazos os días da danza e do piano ao aire libre. Os concertos de piano nos parques da cidade inaugúraos esta primeira semana Abe Rábade, un dos mellores pianistas de Galicia, ás 13:30 e ás 20:00 horas no xardín de San Roque. E a danza poñerana nesta primeira semana Transpediante, co seu Habelas, unha mestura de folclore e experimentación, ás 13:00 e ás 20:30 horas na Calexa de entre Algalias. En caso de chuvia, a danza trasladarase ao porche do CGAC e o concerto de Abe Rábade ao interior do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Xa pola noite, Stockholm Lisboa Project congregará de novo ás dez na Praza da Quintana a músicos portugueses e suecos que exploran a conexión das tradicións musicais dos seus países. Como resultado soben ao escenario instrumentos tradicionais e un repertorio que vai de norte a sur mesturando os ritmos escandinavos cos fados máis populares. En caso de chuvia, o concerto trasladarase ao Teatro Principal, con entrada libre até completar aforo.

Completan a programación do día a xa tradicional alborada na praza do Toural, a intervención da Aula Galega de Saxofón no Parque de Vista Alegre, ás 21:00 horas, e a música latina do Sexteto Luís Díaz, na rúa de San Paio de Antealtares, ás 22:30 horas.

Compartir: