ALCALDÍA

A rúa Laverde Ruíz muda a súa imaxe urbana

03/08/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, visitou as obras de reurbanización da rúa Laverde Ruíz. Esta será a primeira das rúas en rematarse do chamado Ensanche Vello, cuxa intervención integral, financiada polos fondos FIL, comprende tamén as rúas Pérez Constanti, Santiago de Guayaquil, Neira de Mosquera, Curros Enríquez e Gómez Ulla. O investimento realizado na rúa Laverde Ruíz ascende a 310.304 euros.

A reurbanización de Laverde Ruíz supuxo a intervención sobre unha superficie de 1.900 metros cadrados, que transformou significativamente a configuración desta rúa. Así, gañouse un importante espazo para anchas beirarrúas, que agora supoñen un total 908 metros cadrados. En canto á calzada, na que se abandonou o lastrado para deixar paso ao asfaltado, o seu ancho pasa a ser de 3,50 metros. Tamén se habilitou unha banda de aparcamento de 228 metros cadrados, con anchos de 2,50 e 3 metros.

As obras permitiron igualmente instalar unha illa de catro contedores do lixo e a instalación de diverso mobiliario urbano: un banco de madeira, cinco papeleiras, tres árbores, tres xardineiras e unha unidade de aparcabicis. Ademais, remodelouse a iluminación da rúa, con diversos tipos de luminarias e balizas para o marcado dos pasos peonís. A intervención completouse coa reposición das redes de gas, comunicacións, electricidade, saneamento e abastecemento.

Esta obra, xunto á das outras cinco rúas da zona, pretende dotar a esta parte da cidade de espazos máis habitables, con amplas beirarrúas e novos servizos. Cun modelo estético semellante ao seguido na urbanización doutras rúas do Ensanche, na súa remodelación primouse, por esta orde, o uso peonil, o circulatorio e o estacionamento.

Compartir: