URBANISMO

O alcalde coloca a primeira pedra da urbanización do SUNP-5 da Muíña

31/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, puxo esta mañá a primeira pedra da urbanización do polígono SUNP-5 da Muíña, en San Lázaro. A urbanización deste solo para vivenda de protección pública, xestionado pola Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA), durará nove meses e suporá un investimento de 5.496.915 euros.

Neste solo construiranse 414 vivendas, das que 403 serán protexidas. A tipoloxía das vivendas neste polígono será a de edificacións de altura máxima de baixo e tres plantas, que poderán alcanzar puntualmente o baixo e catro plantas. En total, as obras de urbanización suporán intervir sobre unha superficie total de 75.268 metros cadrados, dos que 17.173 se destinarán ao novo viario público e 33.227 a dotacións, equipamentos e zonas verdes.

A urbanización deste polígono de vivendas busca a plena accesibilidade a todos os espazos de uso e desfrute público. Nesta liña, colocarase o necesario mobiliario urbano, de tal xeito que en ningún caso existan pasos inferiores a un metro e medio, sendo a media de tres metros de paso libre.

Entre este mobiliario urbano salienta a colocación de 172 luminarias, 72 bancos, 11 fontes ou 80 papeleiras, ademais do parque infantil previsto. Proba das amplas zonas verdes que terá son os 26.093 metros cadrados de céspede ornamental e 739 árbores e arbustos.

Compartir: