ALCALDÍA

O Concello de Santiago non está endebedado por riba do límite legal do 110%

30/07/2009 O Concello de Santiago, no exercicio 2006 -ano ao que fai referencia o Informe do Consello de Contas- non estaba por riba do límite legal establecido na Lei de Facendas Locais. Así o afirma o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, quen xa deu as directrices oportunas para que os servizos económicos do Concello remitan ao Consello os documentos acreditativos correspondentes .

O Concello de Santiago entende que o cálculo que o Consello de Contas reflicte no seu informe non fai referencia ao límite legal establecido na normativa en vigor (artigo 53.2 do TRLFL entre outros preceptos) porque incorpora unha contía que é o total de acredores a curto prazo do Concello (débedas con entidades de crédito máis outros acredores a curto prazo, incluídas as administracións públicas, as débedas non orzamentarias etc,) e non só o capital vivo en concepto de créditos concertados a curto e longo prazo polo Concello, sendo este último, é dicir, o capital vivo en concepto de operacións de crédito vixentes incluíndo o importe das novas operacións a concertar o que se tería en conta a efectos do establecido na Lei de Facendas como "o limiar de alerta" por riba do cal os concellos necesitarán autorización para pedir novos créditos.

Polo tanto, a 31 / 12 / do 2006, o Concello de Santiago, non estaba no limiar de risco que establece a normativa legal, como así refiren os informes da Intervención Municipal efectuados no citado exercicio 2006 ,tendo por outro lado "...solvencia a curto prazo con ingresos correntes suficientes para dar cobertura aos gastos correntes e á carga financeira contraída..." e "...mostrando aumentos no valor do aforro neto..." tal e como se indica no propio informe do Consello de Contas xa referido (pax 138).

É preciso dicir así mesmo, que os informes do Consello de Contas realízanse con bastante retraso sobre a anualidade de execución (agora preséntase a do ano 2006) e non permiten coñecer con suficiente precisión a situación real e actualizada dos concellos, como por outro lado o propio organismo recoñeceu, quen ten feito afirmacións sobre a necesaria dilixencia na presentación dos seus informes e na necesidade de achegar os datos do mesmo na anualidade na que se executan os orzamentos.

O Concello de Santiago está saneado e ten solvencia financeira
Así, o Concello de Santiago acaba de pechar a súa conta xeral do exercicio 2008 na que o nivel de endebedamento se sitúa lonxe do LIMIAR LEGAL de risco establecido na normativa (está no 69,73% tendo en conta as operacións dispostas a 31/12/2008, lonxe polo tanto do 110%). O superávit orzamentario é positivo (4,8 millóns de euros), e o Remanente de Tesourería tamén é positivo (693.777,31 euros), o que pon de manifesto o saneamento do Concello de Santiago e a súa solvencia financeira na data actual.

O remanente de tesourería negativo de anos anteriores do Concello, foi saneado, entre outras medidas, como consecuencia da implantación dun Plan de Saneamento aplicado con rigorosidade nos últimos anos.

Finalmente, o nivel de endebedamento dos concellos, na opinión do equipo de goberno da capital de Galicia, debe poñerse en relación directa co nivel de investimento acadado a través dos orzamentos e da acción pública; e nese sentido, Santiago sitúase moi por riba do que corresponde á media de cidades da súa poboación, tendo en conta, ademais, que o seu nivel de recursos está condicionado polo número de cidadáns que paga os seus impostos na cidade, moi lonxe daqueles que realmente demandan servizos na mesma.

Compartir: