PLENO

O Pleno acorda a concesión da medalla de ouro da cidade a Xerardo Fernández Albor

30/07/2009 A proposta do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o Pleno municipal acordou por unanimidade a concesión da medalla de ouro da cidade ao doutor Xerardo Fernández Albor, primeiro presidente da Xunta de Galicia.

O alcalde fixo esta proposta " en recoñecemento ao seu extraordinario traballo como profesional da medicina, á súa contribución ao diálogo e encontro entre os diferentes sectores sociais e políticos de Galicia e de Santiago en particular, así como pola súa intervención para a designación de Santiago como sede das institucións autonómicas".

Con este nomeamento, o Concello pretende "render homenaxe a unha persoa que como primeiro presidente da principal institución autonómica contribuíu decisivamente ao desenvolvemento do Estatuto de Autonomía de Galicia, aprobado no ano 1981, e á consolidación dos principios democráticos inspiradores do Estado das Autonomías na nosa comunidade e por extensión na comunidade europea, así como pola súa activa participación na vida política, social e cultural da cidade, colaborando e participando na creación de numerosas institucións e entidades que perduran na actualidade".

Xerardo Fernández Albor únese así ao grupo de persoas e institucións que teñen xa recibido esta distinción do Concello de Santiago. Os últimos en recollela foron o empresario José Castro Suárez, fundador e presidente de Castrosúa, o 4 de xuño de 2009, e o Museo do Pobo Galego, o 15 de febreiro de 2008.

Minuto de silencio
Xusto antes de comezar o debate das cuestións da orde do día, o Pleno municipal gardou un minuto de silencio polas dúas vítimas do atentado terrorista acontecido en Palma de Mallorca. Os tres grupos municipais expresaron a súa firme repulsa aos atentados terroristas de Palma e de Burgos e convidaron aos cidadáns a participar na concentración silenciosa convocada para o venres 31 na praza do Obradoiro.

Compartir: