PLENO

O Concello insta á Xunta a manter os acordos en materia de promoción de liñas de baixo custo

30/07/2009 Cos votos favorables do Grupo de Goberno, o Pleno municipal aprobou unha moción pola que se insta á Xunta para que a Secretaría Xeral para o Turismo manteña os acordos asinados coa empresa municipal INCOLSA nos termos establecidos o 14 de marzo de 2005, en tanto non se teña acordado un novo convenio.

A moción, presentada polo PSOE, indica que o actual panorama turístico e aeroportuario "fan desaconsellable a intención da Secretaría Xeral para o Turismo de modificar substancialmente o modelo de apoio á promoción das liñas de baixo custo, para o enlace cos destinos internacionais estratéxicos, no que o aeroporto de Compostela é clara e inxustamente prexudicado". Considérase dende o Concello que "o reparto establecido pola Secretaría Xeral entre os tres aeroportos galegos amosa un desequilibrio evidente coa realidade, castiga a primacía de Lavacolla e deixa a Galicia nunha flagrante indefensión fronte á competencia do aeroporto de Porto".

No texto da moción recórdase que Santiago segue a ser a imaxe emblemática de Galicia no exterior e a alta porcentaxe de viaxeiros que veñen á cidade por vía aérea. Neste sentido, a colaboración entre o Concello e a Xunta na promoción das liñas de baixo custo "deu como resultado o salto dende o millón trescentos mil pasaxeiros rexistrados por Lavacolla no 2003 aos case dous millóns rexistrados catro anos máis tarde". "Esa fortaleza permitiu ao noso aeroporto presentar no primeiro semestre de 2009 uns resultados de resistencia diante da crise moi superiores á media do Estado, e manter un 46,1% da cota do mercado galego", engade.

Despois de recordar o actual panorama de conexións internacionais dos tres aeroportos galegos, a moción lembra tamén a proxección do aeródromo compostelán: "As dotacións técnicas e de infraestruturas do aeroporto de Lavacolla, xunto coas previsións do Plan Director, e a ampliación en marcha, confirman o noso aeroporto como a principal porta aérea nacional e internacional de Galicia, en clara competencia estratéxica co aeroporto Sá Carneiro de Porto".

Mantemento das previsións do Plan Sectorial de Vivenda para Santiago
Tamén cos votos favorables do PSOE e do BNG, aprobouse unha moción, presentada por esta última formación, na que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver nos prazos fixados as previsións de construción de vivenda protexida e a prezo limitado que se contemplan no Plan Sectorial de Vivenda. Segundo se indica na proposición, a paralización deste Plan "representa un freo na promoción de vivenda protexida no Concello de Santiago", por canto "deixa no aire a construción de máis de 3.000 vivendas".

"Alén do que iso significa como oportunidade para as familias e o conxunto da cidadanía que queren acceder a unha vivenda a un prezo asequible, é tamén unha oportunidade para o sector empresarial, co evidente pulo á actividade económica e de creación e mantemento de moitos postos de traballo", apúntase. Ante isto, considérase que "estes aspectos non poden ser obviados ao seren especialmente relevantes no contexto de crise económica que vivimos, nomeadamente, en sectores como o da construción".

A proposición lembra que o Plan Sectorial de Vivenda aprobado na anterior lexislatura da Xunta contemplaba unha bolsa de solo no SUD-1 de Mallou dentro do denominado Ensanche Norte. Este solo ten unha superficie de 360.000 metros cádraos, onde se construirían 3.096 vivendas, 134.000 metros cadrados de zonas verdes, 70.500 metros cadrados para equipamentos e 1.084 prazas de aparcamento, o que suporía unha inversión de máis de 72 millóns de euros.

Gratuidade dos libros de texto
Outra proposición aprobada cos votos favorables do Grupo de Goberno e tamén presentada polo BNG foi a relativa á gratuidade dos libros de texto e do material curricular no curso académico 2009-2010. Neste sentido, demándase da Xunta "unha fórmula que beneficie á maioría das familias".

Segundo se indica na proposición, a decisión da Consellería de Educación de suprimir o programa de gratuidade dos libros de texto para o vindeiro curso académico "supón unha regresión no avance cara un modelo de ensino verdadeiramente público e gratuíto". Recorda que a medida afecta a día de hoxe a 82.000 familias.

Na defensa do modelo existente ata o momento, apúntase que se trata dun "servizo de préstamos que favorece a igualdade de oportunidades entre o alumnado e inculca valores de solidariedade, conservación do material para a súa reutilización por outras persoas e coidado do ben colectivo". "Nun contexto económico precario, o Goberno debe manter a gratuidade dos libros de texto para favorecer a economía das familias", engádese.

Compartir: