CULTURA

O Festival dos Abrazos encherá de cultura as rúas, prazas e parques con 130 actividades

30/07/2009 Compostela encherase en agosto de creatividade co Festival dos Abrazos. As rúas, prazas, parques e xardíns de Santiago de Compostela acollerán 130 propostas artísticas innovadoras, que foron presentadas pola concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez. Música, danza, circo, teatro, obradoiros, proxeccións audiovisuais, performances e arte dixital conforman a programación, que abarca dende pequenas intervencións de rúa a grandes concertos.

A segunda edición do Festival dos Abrazos ocupará a cidade durante todo o mes de agosto. Desde o 1 ao 29 de agosto, 30 lugares da cidade histórica acollerán as actividades do festival. No programa conxúganse propostas artísticas de creadores galegos e internacionais: de grandes concertos a fugaces intervencións de rúa, da mestura de procedencias e culturas á ensamblaxe de estilos e disciplinas. Socorro García Conde agarda que coa súa programación ampla e variada o Festival dos Abrazos supere este ano as 60.000 persoas que asistiron o ano pasado ás actividades da primeira edición.

García Conde destacou o carácter aberto e innovador do festival, resumido no seu lema "Creacción en aberto", e a aposta por poñer en valor os lugares singulares da cidade. O festival ocupará "os espazos íntimos, a 'cara b' de Compostela que normalmente non usamos para actividades culturais tanto como debéramos, como as prazas da Oliveira, de Feixoo e dos Gatos", sinalou a concelleira. "Tamén o campo aberto, os parques e xardíns, nos que se vivirán auténticas experiencias sonoras", explicou, e "as estacións de paso, lugares cotiás dunha cidade que tamén serán lugares de encontro para gozar dos abrazos entre culturas".

Oito propostas innovadoras nos Abrazos Off
Paulo Rodríguez fixo un balance positivo da primeira convocatoria de Abrazos Off, que achegou ao festival oito propostas máis innovadoras e arriscadas que apostan polas rúas de Compostela como plataforma de lanzamento. Son actuacións de danza como as de Begoña Cuquejo e Guillermo Horta, intervencións artísticas sobre o patrimonio como as de António Gonçalves e Escoitar.org, performances como a de L.I.B.A. Colectivo, experimentación musical como a de Political Personal Disaster, a recuperación das cancións tabernarias con Guadi Galego, Ugia Pedreira, Uxía e Pedro Pascual e a performance multidisciplinar de difícil clasificación da soprano Makiko Kitago, que trazará a ponte que une Galicia e Xapón co seu Hashi Fest, son algunhas das propostas.

Danza, artes plásticas e música para presentar o festival
A presentación da programación da segunda edición do Festival dos Abrazos contou cunha mostra da variedade de propostas que abarca o festival. O Coro da Rá realizou un "concerto comando" co que sorprendeu aos presentes e Begoña Cuquejo, unha das novas artistas seleccionadas no apartado Off, realizou unha performance de danza acompañada do intérprete de hang José Herencia, que actúa polas rúas da cidade dende hai dous meses e que estará ao longo de todo o mes na rúa Nova e rúa do Vilar. Ao final do acto inaugurouse a exposición fotográfica de Xulio Gil "Retablos entremetidos". O artista e a concelleira percorreron a mostra, que se poderá visitar ao longo do mes no Pazo de Fonseca.

Ao acto asistiron representantes das institucións que colaboran coa organización do festival: Elvira Cienfuegos, concelleira de Medio Ambiente; Elvira Fidalgo, vicerreitora de Cultura da USC; Javier Vidal, director de Arteria Noroeste; María Dolores Gómez da A.C. Cidade Vella; Oriol Roch, director técnico da RFG-Consorcio; Jorge Duarte do COAG e Johnny Jehad A. Jabeer de Festival Amal (Fundación Araguaney).

Primeiros abrazos
A programación do festival arranca o sábado 1 de agosto co concerto gratuíto da Real Filharmonía de Galicia, que debido á ameaza de chuvia se celebrará finalmente no Auditorio de Galicia. A orquestra da cidade interpretará baixo a batuta de Ros Marbá composicións de Schumann, Saint-Saëns, Ravel e Beethoven.

A programación do sábado complétase con tres propostas ben diferentes: a vangarda sonora do cuarteto de saxos Sigma Project, os ritmos afrobeat dos brasileiros Napalma e unha intervención dixital sobre o patrimonio da cidade a cargo do portugués António Gonçalves.

Catro semanas de espectáculos
Ao longo de todo o mes, a praza da Quintana será o lugar de referencia dalgunhas das actuacións musicais máis sobresaíntes do festival. Alí estará o martes 18 a prestixiosa Orquestra Sinfónica de San Petersburgo, que ofrecerá un recital centrado no romanticismo ruso, e o sábado 22 poderemos gozar cos mellores embaixadores da música balcánica, a Fanfare Ciocărlia. Na igrexa de Bonaval actuará o martes 19 o Coro da Capella de San Petersburgo, por primeira vez en Galicia tras máis de cinco séculos de historia.

Xunto ás estrelas internacionais, o festival dará a oportunidade de coñecer novas achegas musicais galegas, tanto na música de raíz como na busca de novas vías para o pop e o rock, con Emilio José ou o proxecto de Fon Román con Suso Saiz, Trash of Dreams.

Abrazos especiais
O festival quere provocar abrazos entre disciplinas, entre a cidadanía e a arte, entre o patrimonio e a vangarda e entre as culturas. Compostela será escenario de intensos encontros multiculturais: o fado portugués e as músicas tradicionais escandinavas con Stochkolm Lisboa Project; a música andalusí e flamenca coa Orquestra Chekara e Jóvenes Flamencos; e o ancestral son da txalaparta renovado xunto á voz nómade do deserto con Oreka TX e Aziza Brahim.

Tamén o patrimonio compostelán está aberto a diálogos e novas intrepretacións. Instrumentos e voces que tamén forman parte do patrimonio colectivo dos seus pobos encherán de novos significados os muros da igrexa da Nosa Señora do Camiño: o canto yoik dos lapóns con Skaidi; o guzheng, unha especie de cítara chinesa, con Meng Wang; e o tombak e o tar, instrumentos de percusión e corda persas, co Barbod Ensemble.

En Bonaval, New York e Galicia uniranse en clave de jazz co Bill Goodwin Quartet, no que participan Abe Rábade e Paco Charlín. Os parques e a música terán un dos seus encontros máis felices o mércores 26, cando João Afonso homenaxeará ao seu tío Zeca Afonso no parque que leva o seu nome.

E unha programación específica axudaranos a coñecer grazas á Fundación Araguaney a realidade de Palestina desde o máis apropiado recanto de Compostela: a ruela de Xerusalén. Na segunda quincena de agosto multiplicaranse as proxeccións de curtametraxes en diferentes puntos da cidade nunha nova edición de Curtocircuito.

A programación por días
Cada día da semana hai un apartado da programación do Festival dos Abrazos que ten un protagonismo especial. O luns é a música experimental no cemisterio de Bonaval, con propostas como as dos sons tecnolóxicos de Reactable, o jazz transatlántico do Bill Goodwin Quartet e os novos ritmos de Neopercusión.

O martes é o día dos neotrobadores, recitadores de hoxe en día como Markos Bayón, Fred Martins Trio e Rafa Lorenzo. Tamén é o día dos artífices do novo circo galego, cunha atractiva mestura de acrobacias, malabares, humor e enxeño con compañías como Malabaranda e Lusco e Fusco.

O mércores o protagonismo é para o piano e a danza. Pianistas como Abe Rábade, Nacho Muñoz e Ismael el Berdei actuarán fóra dos escenarios habituais: desta volta farano nos parques. Tamén a danza nos invitará a coñecer lugares especiais, con actuacións como a dos barceloneses Erre que erre no xardín de Fonseca ou a de Traspediante na Calexa de entre Algalias.

O xoves o circo internacional toma a praza das Praterías como punto de encontro. Alí poderemos rir cos malabarismos tradicionais xaponeses de Senmaru & Yuki e o humor e acrobacias de Andy Snatch e o clown irreverente da Compañía Teatro Gestual de Chile.

O venres as propostas repártense entre o máis tradicional e o máis innovador. Teremos a oportunidade de revivir o patrimonio arquitectónico da cidade a través doutras tradicións musicais. Como contrapunto, pola noite os Djs e Vjs de vangarda poñerán a mesa para amosar as súas mesturas dixitais máis creativas.

A fin de semana a programación do Feito a Man, da Asociación Cultural Cidade Vella, cobra un protagonismo especial. Teñen aquí cabida o son cubano do Sexteto Luis Díaz, o flamenco de Marcos Teira, a chanson francesa de Les Trois de Cora, o jazz, o swing, a canción de autor, etc.

Compartir: