ALCALDÍA

Santiago e Padrón comprometen a súa colaboración no Ano Xacobeo 2010

29/07/2009 Padrón volveu ser protagonista no seu día nas Festas do Apóstolo. A Corporación da vila veciña, encabezada polo seu alcalde, Camilo Forján, desprazouse a Santiago para vivir esta xornada festiva. En abril fora a delegación municipal compostelá a que vivira en Padrón as súas festas da Pascua.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu ao rexedor padronés na praza do Obradoiro, onde intercambiaron bastóns. Logo do saúdo dos alcaldes e das respectivas corporacións dirixíronse ao Salón Nobre de Raxoi. Alí Sánchez Bugallo e Forján pronunciaron uns breves discursos. Foi tempo para recordar esta longa "tradición de amizade", en palabras do primeiro.

Na súa intervención, tanto o alcalde santiagués como o padronés comprometéronse a traballar conxuntamente no Ano Santo 2010. Así, Sánchez Bugallo indicou que "esta é unha oportunidade que temos que aproveitar Santiago, Padrón e toda Galicia". Neste sentido, recordou o efecto positivo que o Xacobeo 93 tivera nun contexto tamén de crise económica.

Despois dos discursos, os alcaldes e as dúas corporacións saíron aos balcóns de Raxoi. Dende alí escoitaron as notas interpretadas conxuntamente polas bandas municipais de Santiago e Padrón.

Compartir: