EMPREGO

Os alumnos do Plan FIP 2008 e de sete cursos de construción desenvolvidos en maio e xuño reciben os diplomas acreditativos

28/07/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a xefa de Servizo de Planificación de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Angeles Lestón, entregaron os diplomas ao alumnado dos cursos FIP 2008 (Formación e Inserción Profesional) e dos sete cursos do sector da construción pertencentes ao Plan de Formación 2009 que se desenvolveron no primeiro semestre de 2009. Ao acto, celebrado no Pazo de Raxoi, asistiron medio centenar de persoas.

Os cursos do Plan FIP, cofinanciados pola Consellería de Traballo e polo Fondo Social Europeo, forman a técnicos en especialidades con demanda no mercado de traballo. En 2008 a Concellaría de Promoción Económica impartiu seis especialidades no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns: Fontanaría, Instalador de sistemas de enerxía solar térmica, Carpintaría, Xardinaría, Electricista de edificios e Cantería. A oferta para estes seis cursos, que sumaron un total de 3.100 horas lectivas foi de 90 prazas. O 30% do alumnado accedeu ao mercado laboral.

Neste momento, a Concellaría de Promoción Económica está impartindo cinco cursos de Formación para o emprego (nova denominación do antigo Plan FIP), cun total de 75 prazas. Son Electricista de Edificios, Instalador de sistemas de enerxías solar térmica, Fontanería, Ferrallista, e Instalador de gas.

Os sete cursos do sector da construción, pertencentes ao Plan de Formación 2009, e desenvolvidos no primeiro semestre de 2009 contaron con 105 prazas e sumaron 194 horas lectivas. En maio desenvolvéronse Análise de proxectos de enerxías renovables, Talla en canteiría e Operador/a de maquinaria de obras públicas. En xuño impartíronse Enerxía solar fotovoltaica, Operador/a de carretillas elevadoras e dumper, Reformas e mantemento de edificios e Fontanería. Nas cinco últimas accións formativas realizouse unha enquisa entre o alumnado. A valoracion global (a media dos cinco cursos) foi de 7,96 puntos sobre 10.

Estes cursos, destinados a persoas desempregadas e a persoas traballadoras do sector da construcción, recibiron 291 solicitudes de inscrición. Sumadas ás 637 dos 13 cursos de teleformación que se impartirán en agosto, destinados ao sector industrial, ao empresariado (incluído comercio) e ás persoas emprendedoras, contabilizan un total de 838 solicitudes para cubrir 300 prazas.

Plan de Formación 2009
O Plan de Formación 2009 conta con 26 accións formativas gratuítas, (13 por teleformmción e 13 presenciais) que suman 929 horas lectivas, e ofertan un total de 425 prazas. Cun orzamento de 122.253 euros. Está previsto que en setembro se abra o prazo para inscribirse nos cursos do sector da construcción do plan que quedan por desenvolver: Autocad, Deseño de sistemas de aire acondicionado, Calefacción de edificios con biomasa, Ofimática básica para a construción e Eficiencia enerxética en vivendas unifamiliares.

Compartir: