XUNTA DE GOBERNO

Visto bo ao proxecto de urbanización do tramo de Rosalía de Castro entre Romero Donallo e Volta do Castro

28/07/2009 A Xunta de Goberno aprobou o proxecto e iniciou o expediente de contratación das obras de reurbanización do tramo da rúa Rosalía de Castro entre Romero Donallo e Volta do Castro. Esta obra forma parte do chamado convenio de travesías asinado no seu día coa actual Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

As obras no tramo Romero Donallo-Santa Marta-Choupana-Volta do Castro van supor un investimento de 3.973.000 euros. O tramo a reurbanizar comprende dende a rotonda de confluencia coa avenida de Romero Donallo ata o enlace co periférico, onde arrinca o viaduto da Rocha. As obras terán como resultado, entre outros, a homexeneización do espazo da calzada, a ampliación do espazo de beirarrúas, a renovación de pavimentos e da rede de iluminación ou implantación de novo arborado.

Esta é a terceira obra nos contornos urbanos de acceso á cidade que sae a licitación. Antes fixérono o tramo Galeras-Salvadas-Vista Alegre e logo a avenida de Castelao. Estas dúas obras está previsto que poidan comezar este mesmo verán.

Obras
Tamén en materia de obras, iniciouse a contratación das obras de construción dunha varanda de seguridade e protección na avenida Mestra Victoria Míguez. Esta intervención conta cun orzamento de 95.412 euros.

A varanda a construír divídese en varios tramos, tanto pola marxe esquerda como pola dereita. Virá a substituír ás varandas de seguridade peonil existentes, xa deterioradas.

Xa no marco do Plan de Obras 2009 da Deputación da Coruña, adxudicáronse provisionalmente as obras de reforzo do firme nas vías públicas de Trasvea, na parroquia de Cesar. O orzamento é de 49.420 euros e o prazo de execución fíxase en dous meses.

Cidade Histórica
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o inicio da contratación do servizo de coordinación dos traballos arqueolóxicos das intervencións de urbanización de varios espazos públicos en Santiago de Compostela. Estas intervencións teñen a súa orixe no convenio asinado entre a Consellería de Vivenda e Solo e o Concello en febreiro de 2009, polo que se establecían actuacións en Hortas, Cruceiro do Gaio, Belvís e San Roque. O orzamento é de 66.000 euros e o prazo de execución destas actuacións estímase nuns 15 meses.

Tamén en virtude destas intervencións en espazos públicos, adxudicáronse provisionalmente os traballos de proxección e execución das obra, por un importe de 65.772 euros.

Medio Ambiente
Na mesma sesión deuse o visto bo ao proxecto de acondicionamento e posta en valor para o uso público da área natural da Selva Negra. Iníciase a contratación dunha actuación que vai supor un investimento de 231.355 euros, cun prazo de execución previsto de sete meses. Estes traballos iniciais, que se realizan en virtude do convenio asinado entre o Concello e o Consorcio, consistirán en labores previas e labores sobre especies existentes e hidrosementeiras.

Precisamente en relación con este convenio, que tamén inclúe a construción dun edificio de servizos no Parque Eugenio Granell, aprobouse unha modificación. Esta incrementa a partida de 200.000 euros destinada ao edificio de servizos e diminúe na mesma cantidade a destinada á Selva Negra.

Noutro parque, no de Brandía, tamén ser realizarán traballos de mantemento e conservación. Neste caso o investimento será de 138.570 euros.

Ademais, deuse o visto bo ao proxecto de acondicionamento dunha parcela en Verdía para convertela en campo da festa. Iníciase a contratación dunhas obras que suporán un investimento de 99.947 euros. Esta intervención está subvencionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), grazas ao seu proxecto de dinamización das áreas rurais.

En Villestro, a súa área de xogos infantís a carón do centros sociocultural e o campo da festa contarán con novas instalacións. A Xunta de Goberno adxudicou as novas dotacións por un importe de 24.775 euros, cun prazo para instalalas de 45 días.

Cultura
A proposta da concelleira de Cultura, aprobouse o proxecto básico e de execución das obras de reforma do aparcadoiro e os seus accesos no Auditorio de Galicia. Iniciouse o expediente para a contratación dunha obra que supón un investimento de 258.620 euros máis IVE e un prazo de execución de tres meses.

As obras suporán a modificación da instalación de ventilación e detección de gases do aparcamento, a substitución do alumeado de emerxencia e do sistema de protección contra incendios, a marcaxe e sinalización do acceso ás escaleiras de saída, a reforma das devanditas escaleiras e tamén dos aseos e do almacén.

No mesmo Auditorio, procederase a renovar a cuberta do corpo que contén a sala Ángel Brage. Neste caso o tipo de licitación é 121.593 euros máis IVE e o prazo de execución de dous meses.

Circulación Viaria
No ámbito da circulación viaria, aprobouse o proxecto e a apertura do expediente para contratar as obras incluídas no proxecto construtivo para a optimización da circulación viaria no Polígono Industrial do Tambre. O orzamento é de 119.470 euros e o prazo de execución previsto de seis meses.

Documentos relacionados



Compartir: