PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Estatístico 2009 incorpora por primeira vez datos sobre Seguridade Social e peregrinacións

27/07/2009 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Estatístico 2009. O obxectivo da publicación, que contén datos do 2008, é amosar a evolución e a situación actual do Concello de Santiago a través dunha análise rigorosa, en cifras, da súa realidade económica, social e cultural. Está estruturado en 11 capítulos, incorporando tres apartados novos: a inclusión, por primeira vez de información sobre as afiliacións á Seguridade Social, datos da biblioteca Ánxel Casal, e datos sobre o número de peregrinacións rexistradas en 2008.

O Estatístico 2009, do que van editar 500 exemplares recolle máis de 8.000 datos en aproximadamente 500 páxinas distribuídas en once capítulos. Ademais, igual que en 2008, a publicación incorpora un apartado de cartografía que recolle en cinco mapas a división do Concello de Santiago por distritos e a ubicación dos Servizos Sociais, dos Centros Socioculturais e dos espazos deportivos. A recompilación destes datos foi posible grazas a colaboración de decenas de entidades e organismos, que facilitaron desinteresadamente as cifras ao persoal do servizo de Estatística, que elaborou a publicación.

Todos os Estatísticos publicados ata agora atópanse a disposición das persoas interesadas, tanto para a súa consulta, como para a súa descarga, na páxina web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org, no apartado denominado Observatorio Estatístico. Está previsto que ao longo desta semana se incorpore o Estatístico 2009. Este servizo ten dous obxectivos: facilitar o acceso a datos importantes na elaboración de informes, estudos e análises sobre a situación actual do municipio, e difundir estes indicadores a nivel internacional, reforzando así a imaxe de Compostela nun mundo cada vez máis globalizado.

O Observatorio Estatístico contén todos os Estatísticos publicados ata agora dende que se empezaron a recompilar datos, no ano 1999. É, ademais, unha ferramenta importante de consulta para coñecer a evolución do Concello de Santiago na última década. A súa presenza en internet permite ter unha base de datos actualizados difundidos internacionalmente que poden ser utilizados, por exemplo, por inversores e empresas externos á hora de buscar novos asentamentos.

Funcional e de fácil consulta, funciona tamén como unha páxina interactiva que leva integrado un apartado específico de solicitude de datos de carácter público que se responderán nun máximo de 72 horas. Nela tamén se pode consultar a lexislación vixente en materia de estatística e de protección de datos de carácter persoal. Contén igualmente ligazóns coas páxinas webs da Concellaría de Promoción Económica, do Concello de Santiago e do Instituto Galego de Estatística (IGE); e unha Área Reservada, un espazo deseñado para que as entidades colaboradoras vaian introducindo, dun xeito áxil, rápido e cómodo, as cifras e datos cos que se elaborarán os posteriores estatísticos.

Documentos relacionados



Compartir: