CONSORCIO

Santiago Crespo gaña o I Concurso "Canteiros no Obradoiro"

26/07/2009 O canteiro Santiago Crespo, traballador da empresa compostelá Neorsa, foi o gañador do I Concurso Canteiros no Obradoiro, que se desenvolveu na praza do Obradoiro. Ademais, ante a calidade dos traballos realizados, o xurado decidiu outorgar un segundo premio, dotado con 600 euros, e un terceiro con 400 euros, que foron parar, respectivamente, a José Calviño, procedente de Rodeiro (Pontevedra), e a Jorge Martínez Rivas, de Brión (A Coruña). Así mesmo, decidiuse outorgar os tres accesit a Ricardo Blanco, de Santiago de Compostela; Antonio Sousa, de Porto (Portugal); e Gonzalo Miñán, de Soutomaior (Pontevedra).

O alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, que entregou o premio ao gañador, destacou a importancia de revalorizar a profesión de canteiro, básica para o mantemento do lousado histórico de Santiago, que precisa desta labor artesanal para a súa conservación. Finalmente despediu aos asistentes emprazándoos para unha nova edición do concurso no próximo ano.

Co Concurso Canteiros no Obradoiro, por un día, a praza do Obradoiro volveu facer alusión ao seu nome cando máis de 20 canteiros chegados dende diferentes partes de Galicia, España e Portugal encheron a praza co son das súas ferramentas para traballar o granito. Deste xeito, o recinto volveu acoller a súa función orixinal de obradoiro para os canteiros que traballaban na construción da Catedral de Santiago.

O I Concurso Canteiros no Obradoiro está organizado polo Consorcio de Santiago e pola Fundación Laboral de la Construcción. O gañador, ademais de recibir os 1.500 euros, verá colocada a súa lousa nunha rúa da cidade, coa súa marca de canteiro, no marco das accións de mantemento e conservación dos lousados que promove o Consorcio.

21 canteiros
No concurso participaron 21 canteiros, procedentes de diferentes puntos de Galicia (Santiago de Compostela, Viveiro, Antas de Ulla, As Neves, Rodeiro, Soutomaior, A Estrada, Pontevedra, Celanova, Oroso e Brión), Jaén e Portugal (Porto e Marco de Canaveses). Os concursantes estiveron traballando na praza do Obradoiro dende as nove da mañá ata as catro e media da tarde, facendo una pequena pausa para xantar.

Para tomar a súa decisión, o xurado tivo en conta, ademais do tempo empregado, a corrección na elaboración dos diferentes planos e dimensións, a corrección nos acabados, o emprego correcto das ferramentas, o cumprimento das medidas de seguridade, a ergonomía no traballo e a organización e limpeza do posto de traballo. O xurado técnico que decidiu o gañador estivo composto por expertos en cantería e oficios tradicionais e arquitectos técnicos.

Unha vez que os concursantes remataron os seus traballos, as autoridades presentes realizaron unha breve visita, e a continuación Sánchez Bugallo fixo entrega do galardón, unha escultura formada por unha peza de granito e unha maza de traballo.

Compartir: