FESTAS

Duascentas cincuenta persoas ataviadas co traxe galego polas rúas da cidade

26/07/2009 Celebrouse a XXXI edición do Día do Traxe Galego, na que participaron máis de 250 persoas de todas as idades. A xornada comezou coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorreu Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro.

Ás 13:00 horas tivo lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 13:45 horas a Corporación Municipal, encabezada polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, ofreceulles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, estaba previsto o Certame do Traxe. O desfile comezaba en Bonaval para ir logo por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e Conga, entrando na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. Despois, na Quintana, exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios eran: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Ao final do acto estaba previsto entregar os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, interpretación do Himno Galego a cargo da Coral Polifónica de Compostela.

Compartir: