FESTAS

A Alameda acolleu unha viaxe á Compostela de principios do século XX

25/07/2009 No día do Apóstolo a Concellaría de Festas de Santiago preparou un programa con actividades moi variadas. Pola mañá as autoridades oficiais asistiron á Ofrenda Nacional do Apóstolo na Catedral. A continuación, comezou toda a animación dos pasarrúas: os cabezudos e os gaiteiros.

Pola tarde, o Club Gallego de Automóviles Antiguos paseou cos seus flamantes cacharros vellos polas rúas do casco histórico realizando o seguinte percorrido: Rosalía de Castro, Avenida Xoán Carlos I, Porta Faxeira, Rúa do Vilar e Praza de Praterías. Logo celebrouse o concurso de traxes de época e automóbiles antigos. Un total de 44 vehículos, de datas e modelos moi variados (Crhyler, Roll Royce, Austin, Jaguar, Morgan, entre outros) realizaron unha exhibición ante o xurado na praza de Praterías. Os participantes vestiron roupas acordes coa época do seu coche; así xurdiron auténticos Elvis ou mesmo cabaleiros e damas dos anos 30.

De xeito paralelo, pola tarde viviuse na Alameda unha especie de regresión á Compostela de principios do século XX, cos actos programados dentro da Conmemoración do Centenario da Exposición Rexional de 1909. Aproximadamente, 200 figurantes participaron nun desfile composto pola Banda de Cornetas de Santiago, dúas carrozas, espectáculo de cabaré, unha camioneta de 1930 con músicos, xigantes e cabezudos, persoas ataviadas co traxe galego, un coche de cabalos, damas, cabaleiros e nenos, outro coche de cabalos con gardas, máis figurantes, catro coches antigos de 1916, 18, 22 e 25, grupo de munícipes, militares e, pechando, a Banda Municipal de Santiago.

Para porlle música a esta escena de época, o grupo de metais Santa Cecilia interpretou varias pezas de época no palco de música da Alameda. Unha hora despois inaugurouse oficialmente a Carpacabaré, cun pregón a cargo do director da compañía teatral Femme Fatale, Nelson Quinteiro. O artista dedicou unhas palabras ao movemento artístico e cultural da Belle Époque, cun discurso que comezou de xeito elegante: "Damas e cabaleiros, madames et monsieres, ladies and gentleman...".

Segundo relatou o artista cabareteiro, a Revolución Bohemia de 1900 amosaba o valor da beleza, o arte, a liberdade e o amor. "Os fillos galegos desta revolución, fai hoxe exactamente cen anos, quixeron presentar aquí en Compostela as vontades e progresos da ciencia, da tecnoloxía e das artes. Para iso crearon a Feira Rexional Galega de 1909, unha feira de mostras na que esta mesma Alameda foi cuberta de edificios e pavillóns de corte modernista, o estilo que reunía as cualidades desta auténtica revolución ao conxugar funcionalidade, beleza, decoración e novos materiais", dixo.

Tras estas palabras deu comezo o desfile da Conmemoración do Centenario de Exposición polo paseo da Ferradura. Unha vez que pasearon e escenificaron a vida na Alameda de 1909, o grupo de figurantes dirixiuse á Carpacabaré para presenciar a Gala do Cabaré, da man de Nelson Quinteiro, Carla de Figueredo, a compañía Femme Fatale e a St James Street Band. A continuación, a compañía Branca Cerdán Cía interpretou un cabaré musical, Lilí Berlín.

Pola noite, a orquestra Tango ofreceu o seu espectáculo de música e baile no paseo central da Alameda e os Gaiteiros de Lisboa e Pepe Vaamonde Grupo tocaron na Quintana, nun concerto folk cen por cen.

250 persoas ataviadas co traxe galego
O domingo 26 celebrarase a XXXI edición do Día do Traxe Galego, onde se agarda unha participación de máis de 250 persoas de todas as idades entre o desfile e o concurso. A xornada comezará coa concentración na Alameda ás 11:30 horas para saír máis tarde o desfile dende o seu paseo central. Percorrerá Porta Faxeira, Toural, Rúa do Vilar, Praterías e baixará ata o Obradoiro. Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne na Catedral, coa tradicional Ofrenda ao Apóstolo e o funcionamento do botafumeiro. Ás 13:45 horas a Corporación Municipal ofreceralles unha recepción de honra.

Xa pola tarde, terá lugar o Certame do Traxe. Todos os que queiran participar deberán estar ás 16:00 horas en San Domingo de Bonaval (non se admitirán participantes a partir das 16:30 horas). O desfile comezará desde aquí ás 19:30 horas e percorrerá Bonaval, Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, Conga, Rúa Nova, Toural, Rúa do Vilar, Praterías, Conga e entrará na Quintana pola rampa de San Paio e Casa da Conga. O desfile continuará no interior da Quintana onde, ás 20:00 horas, comezará a exhibición de traxes e a entrega de premios.

As categorías de premios son: premio de traxe antigo completo; premio de traxe de cotío; e premio de traxe moderno, ademais dos agasallos para os nenos. Ao final do acto entregaranse os premios aos gañadores do certame e tamén os galardóns anuais da Asociación do Traxe Galego a persoas ou institucións destacadas polo seu labor na promoción e difusión dos traxes tradicionais. Finalmente, a Coral Polifónica de Compostela interpretará o Himno Galego para pechar a celebración.

Canteiros no Obradoiro
Unha das actividades que se estrean este ano nas Festas do Apóstolo é o I Concurso Canteiros no Obradoiro, organizado polo Consorcio de Santiago e a Fundación Laboral de la Construcción. Trátase dunha iniciativa vencellada ao programa A Pedra que pisas, de mantemento de lousados de pedra da Cidade Histórica de Santiago. O concurso consistirá nunha proba de labrado manual dunha lousa como as que conforman o pavimento da Cidade Histórica, partindo dunha prancha irregular de granito.

Pola noite, o grupo de folk Kérkennai ofrecerá un concerto a partir das 23:00 horas as na Quintana. O grupo de música fórmase no ano 1999 na Baixa Limia ourensá, nun intento de canalizar as inquedanzas musicais de Pepe Quintas e Sindo Otero, e servir como impulsor no eido cultural

Compartir: