CONCERTOS DIDÁCTICOS

O Auditorio acolle un concerto conmemorativo de Boccherini

10/03/2005 O venres 11, o Auditorio de Galicia ofrece o concerto "Lembrando a Boccherini" para escolares, en conmemoración do falecemento do compositor o 28 de maio de 1805.

Dentro do ciclo Concertos Didácticos o Auditorio de Galicia ofrecerá mañá, venres 11, en sesión dobre, ás 10 e ás 12 horas unha actuación da Camerata QUIODI, dirixida por Plamen Velev, no que se conmemora o falecemento de Boccherini o 28 de maio de 1805. Interpretándose as seguintes obras: Menuetto do Quinteto, op. 11, Cadenza do concerto para violonchelo en si bemol maior, Trío op. 38 nº 3, Quartetino op. 33, nº 5 e Quinteto para cuarteto de corda e guitarra "El Fandango".

A finalidade do concerto é dar a coñecer a música de Boccherini aos escolares, xa que foi un dos máis relevantes compositores Europeos, e desenvolveu a maior parte da súa obra en España. O concerto desenvólvese intercalando fragmentos musicais coa explicación do actor, dándolle deste xeito un carácter ameno e divertido, fuxindo da rixidez que a música clásica en ocasións conleva. O narrador ensinará os diferentes instrumentos de corda que compoñen a Camerata, e empezará a lembrar fragmentos da súa vida e da Historia de Europa a través da música que compuxo nos diferentes períodos da súa vida creativa. Bocherini viviu na época de transición entre o Barroco tardío e o estilo clásico, o que inflúe no seu estilo musical.

A Camerata Quiodi, está formada por G. Nedobora e N. Velikov, violíns da Real Filharmonía de Galicia e profesores da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, T. Kircher, viola principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor da EAEM, J. Abraldes, guitarra, forma parte do grupo Martín Códax, Marcos Grande, narrador, e monitor de Expresión Teatral Infantil e alumno de Formación Actoral e Dirección de Escea na Escola SANTART. P. Velev, fundador e director da Camerata, violonchelo principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia.

Ás sesións deste espectáculo asistirán dous mil rapaces, de 14 a 17 anos, de colexios de Santiago, Serra de Outes, Pontevedra, Santa Comba, Rianxo, Marín, Pontedeume, Narón, Cee, Silleda, San Cristobe de Cea, Carballo, Ourense, Ordes, Laxe, Bergondo, Porriño, Burela, Cambados, Cedeira, Porriño, Boimorto e Bergondo.

Compartir: