CONSORCIO

O espectáculo da noite do 24 será unha viaxe multimedia polos sentimentos humanos

22/07/2009 Máis de 2.000 quilos de material pirotécnico están preparados para unha exhibición de 36 minutos nos Fogos do Apóstolo. Nesta edición haberá un espectáculo multimedia no que os protagonistas serán os sentimentos humanos, transmitidos a través das cores, da poesía e dos propios fogos de artificio.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro; o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; e os responsables do espectáculo pirotécnico, Davide Parente (propietario da empresa Parente Fireworks) e Manuel Cristaldi (director do espectáculo) presentaron no Consorcio de Santiago o espectáculo pirotécnico da noite do venres 24 de xullo.

Manuel Cristaldi, director do espectáculo pirotécnico, sinalou que se trata dunha idea do poeta italiano Marco Nereo Rotelli, que contou co apoio e supervisión técnica de Antonio Parente. "Será unha explosión de alegría e festa, unha obra de arte con todo tipo de elementos multimedia: luces, sonido, efectos especiais, artificio…; así como a arte e a poesía unen a distancia e Santiago de Compostela é a meta ambicionada por todos os fieis do mundo, a Festa do Apóstolo será un profundo lugar no corazón que se achegará a todos", apuntou.

Na noite do venres 24 haberá máis de 2.000 quilos de material pirotécnico (un total de 5.000 quilos para os fogos do 24 e 31 de xullo), que estouparán durante 36 minutos e medio. Será un espectáculo dirixido de tal forma que todo o mundo o poida gozar dende diferentes puntos da cidade.

Cristaldi explicou que o espectáculo estará dividido en 8 cadros que simbolizarán unha viaxe de luz e cores a través dos sentimentos do ser humano (melancolía, celos, esperanza, felicidade, fe, amor) que concluirá o seu percorrido cunha explosión cósmica de unión entre o ceo e a terra (simboloxía do Ave Fénix). Os fogos artificias brillarán na cidade acompañados por versos de Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Federico García Lorca que foron escollidos polo cantautor Amancio Prada e serán locutados pola voz de Salvador Campoy. Ademais contaremos cos tradicionais fogos aéreos que se botarán dende Xoán XXIII.

Elemento simbólico da cidade
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, lembrou que os Fogos do Apóstolo son un elemento simbólico fundamental da cidade e un dos espectáculos pirotécnicos máis antigos do mundo con case 450 anos de historia (mediados do s. XVI). Ademais, destacou que os fogos son "a carta de presentación" de Santiago e permiten que miles de persoas compartan ese momento na noite do 24 de xullo no Obradoiro.

Pola súa parte, o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, destacou o alto nivel das empresas participantes no concurso de contratación dos fogos e a contundente decisión que finalmente tomou o xurado para adxudicarllos á empresa italiana Parente Fireworks. Ademais, Villanueva indicou que só se eliminou un elemento do proxecto que Parente presentou ao Consorcio: as chamas, "simplemente por unha cuestión de seguridade na preservación da Catedral", indicou, e que terán que proxectarse a través de imaxe.

Finalmente, o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, indicou unha das novidades máis interesantes deste ano para os fogos: a retransmisión do espectáculo a través de tres emisoras de radio. Serán Radio Galega, a Cadena Ser e Radio Obradoiro. Baqueiro agradeceu o esforzo á dirección das tres emisoras e aos profesionais que fan o traballo.

Ojos de Brujo en concerto
Durante a xornada do xoves 23, as festas continúan con diferentes alternativas musicais. Na Alameda haberá ás 22:30 horas actuación da orquestra Compostela e ás 24:00 horas actuacións de música brasileira e cubana no Toural, cos grupos Brasukas e D´la Habana.

A gran cita do día estará na praza da Quintana co concerto de Ojos de Brujo, ás 23:00 horas. Este grupo catalán presenta, como única data en Galicia, o seu novo traballo Aocaná, máis caribeño e menos experimental que traballos anteriores. As entradas poden mercarse a través de: www.caixagalicia.es e o tlf: 902 43 44 43 a un prezo de 5 euros en anticipada e 8 en taquilla.

Compartir: