MEDIO AMBIENTE

O parque de San Lázaro conta xa cunha nova zona lecer e xogos infantis

21/07/2009 Inaugurouse no parque de San Lázaro a súa nova área recreativa con parque infantil, construída no marco dos Fondos FIL. A zona acondicionada está situada na parte máis occidental do parque, na esquina da rúa Clemente Fernández Sarela e da avenida de Fernando de Casas Novoa.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou este novo espazo, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, departamento que impulsou a obra. O atractivo principal da nova área é o parque infantil de 276 metros cadrados e pavimento de caucho, pechado por un balado e con varios xogos para nenas e nenos de 1 a 12 anos. Unha nova zona de xogos que incorpora elementos innovadores e únicos na cidade e que está inserida dentro dos 44.000 metros cadrados de zona verde que conforman o Parque de San Lázaro.

Acondicionamento da zona
Complementando a construción do novo parque infantil tense acondicionado toda a zona que o rodea, así como a contorna e terrazas do edificio do futuro CERSIA. O axardinamento realizouse aproveitando plantas e árbores do viveiro municipal de Santiago, unha actuación en liña coa certificación EMAS que ten concedida o Departamento de Parques e Xardíns do Concello. Papeleiras de recollida selectiva, bancos para o repouso e os novos camiños abertos son parte das novidades desta nova area de lecer do parque de San Lázaro.

Compartir: