NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Últimos días para apuntarse no campamento "AnimaLingua"

21/07/2009 O venres 24 de xullo remata o prazo para anotarse no campamento AnimaLingua, que se realizará na Granxa Escola da Fervenza do Toxa, en Silleda, do 17 ao 26 de agosto. Ata 30 nenos e nenas de entre 8 e 11 anos (a idade é flexible) poderán participar nesta actividade, co obxectivo de que se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha hora ou dun invernadoiro.

Este campamento, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística, está repleto de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións, actividades de transformación e moitos xogos. Todas as actividades traballaranse cun contido lingüístico e de reflexión, coa finalidade de remover atrancos e de superar prexuízos respecto ao idioma galego.

As inscricións neste campamento realizaranse do 15 ao 24 de xullo no Rexistro Xeral do Concello (Galeras). Para iso haberá que entregar a ficha de inscrición e aboar a taxa de participación, 70 euros, no número de conta de Banesto 0030 6045 13 0870087271. Na asignación das 30 prazas dispoñibles terán preferencia os empadroados en Santiago. De superar a demanda o número de prazas, realizarase un sorteo.

Máis información no correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 542 409.

Compartir: