TURISMO

Os "Chaquetas Vermellas" regresan ás rúas

20/07/2009 Turismo de Santiago, co obxectivo de prestar un servizo de información turística máis áxil e eficaz, pon en funcionamento un ano máis a un grupo de voluntarios, denominado "Chaquetas Vermellas" polo seu vistoso uniforme. Estará en funcionamento entre o 20 de xullo e o 31 de agosto, na temporada alta turística.

O programa está organizado por Turismo de Santiago coa colaboración do Consello Social e o Servicio de Participación e Integración Universitaria da USC. Naceu no ano 2004 e dende entón en prestando servizo ás persoas que nos visitan. En 2008 atenderon un total de 26.762 consultas, tanto de persoas de toda España como de múltiples países.

Este grupo de informadores móbiles estarán presentes nas principais rúas e prazas da Cidade Histórica, onde prestarán servizos de información turística. Os "Chaquetas Vermellas" informan cada verán ás persoas que visitan Santiago sobre as múltiples opcións turísticas e de lecer da cidade, aloxamentos, medios de transporte, enderezos e moitas outras cuestións.

Ademais, os "Chaquetas Vermellas" colaboran na xestión de fluxos nas rúas para evitar aglomeracións no contorno da Catedral, suxerindo outros lugares a visitar, indicando onde se atopan os recursos turísticos, estabelecementos de hostalería, medios de transporte (aeroporto, estacións), etc.

Compartir: