XUVENTUDE

A Concellería de Xuventude organiza dous torneos de rol e unha xornada de sensibilización sobre o voluntariado

17/07/2009 A Concellería de Xuventude preparou para mañá sábado, 18 de xullo, dúas actividades: dous torneos de xogos de rol e unha xornada de sensibilización sobre o voluntariado. As competicións de rol, cos xogos Lenda dos 5 aneis e Flames of war, celebrase no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. A actividade de sensibilización terá lugar na Praza Roxa, de 11:30 a 14:00 horas.

Os torneos de rol, organizados pola Concellería de Xuventude en colaboración co colectivo Zónula Catro, teñen como obxectivos promover este tipo de xogos. Trátase de insistir na insistir na idea de que estes xogos teñen unicamente unha función lúdica e favorecedora de hábitos de lectura e de socialización.

Para esta ocasión, seleccionáronse os xogos Lenda dos 5 aneis e Flames of war, dous dos máis populares entre os amantes deste tipo de xogos de todo o mundo.

Pola súa parte, a Xornada de voluntariado Compostelaxove 2010 é unha actividade para a sensibilización arredor do voluntariado coa perspectiva de contar no próximo ano 2010 cun servizo de voluntariado que apoie a prestación de servizos de acollida e de información aos diferentes grupos de mozos e mozas que estean en Santiago. Do mesmo xeito, respóndese á necesidade de contar cun operativo de voluntariado para colaborar na organización e desenvolvemento de todo tipo de eventos, que ao longo dun ano tan referencial para Compostela van ter por escenario a nosa cidade.

Con este motivo, instalarase na Praza Roxa un stand de voluntariado, con diferentes alternativas, para informar a todas aquelas persoas interesadas no tema. A Xornada está organizada pola Concellería de Xuventude en colaboración con diferentes colectivos da cidade: Centro Don Bosco (Servizo de Voluntariado Europeo), IGAXÉS (entidade que traballa na inclusión social de colectivos vulnerables) e o Club de Amigos dos Animais (que desenvolve un importante labor asociativo e de creación de hábitos de coidado e educación cos animais).

Pódese obter máis información sobre calquera destas dúas actividades no Departamento de Xuventude, situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 14-16), no teléfono 981 543 001, no Fax 981 543 002 e na dirección de correo electrónico dptoxuventude@santiagodecompostela.gal.

Compartir: