ALCALDÍA

Os concellos de Santiago, Lugo e A Coruña selan o "triángulo máxico" do turismo mundial galego

17/07/2009 Os alcaldes das cidades de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; Lugo, José López Orozco; A Coruña, Javier Losada; e o Cebreiro, José Luis Raposo, percorreron cinco quilómetros do Camiño de Santiago, cos que selaron o "triángulo máxico" do turismo mundial galego, co obxectivo de "ser patrimonio mundial da paz, da convivencia e do encontro".

Os alcaldes percorreron unha parte do Camiño de Santiago dende o Cebreiro ata o lugar de Hospital e anunciaron que proximamente asinarán un convenio no que anuncien as actuacións a desenvolver para promocionar o patrimonio mundial galego. Un convenio que elevarán á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado co fin de contar coa súa colaboración, así como coa da iniciativa privada. Os alcaldes estiveron acompañados por varios dos concelleiros de cada un dos municipios que conforman o "triángulo máxico": Santiago, Lugo e A Coruña.

O alcalde de Santiago foi o encargado de ler o comunicado, que deu conta da unión das tres cidades. Este comunicado tamén avanzaba a reclamación de conseguir un itinerario turístico mundial que promova, poña en valor e promocione o patrimonio mundial galego.

A iniciativa ten como obxectivo facer fincapé nun atractivo turístico, o patrimonio mundial galego, que dinamice a economía das nosas cidades e do país mediante a aposta por un turismo cultural de calidade que reflicta a nosa identidade como pobo e todas as nosas potencialidades.

Documentos relacionados



Compartir: