TURISMO

O concelleiro de Turismo di que o reparto proposto pola Xunta para os aeroportos sería un "desastre" para sector turístico galego

17/07/2009 O reparto de subvencións proposto pola Xunta para a promoción das liñas aéreas de baixo custo entre os tres aeroportos galegos sería un "desastre" para o sector turístico de Galicia, sinalou o concelleiro de Turismo, Xosé Manuel Iglesias. Así, reclamou que "non se modifique un modelo de subvencións que demostrou a súa rendibilidade para Santiago e para Galicia".

Iglesias indicou que o modelo proposto -450.000 euros para Lavacolla, 325.000 para Alvedro e 300.000 para Peinador- é unha "decisión equivoca, lonxe da eficacia e da eficiencia que debe presidir a xestión dos fondos públicos". Isto suporía unha mingua significativa do percibido ata agora en virtude do convenio promovido no seu día pola Xunta e o Concello, que en 2008 supuxo unha achega de 1.530.900 euros.

Este cambio de modelo, afirmou, implicaría que o "sector turístico non é unha prioridade para o Goberno galego". Engadiu que de todo isto "o único beneficiado sería o aeroporto de Porto, e se se consuma isto será como dar por sentado que este será o aeroporto de referencia da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal".

Impacto económico
Para defender o modelo vixente ata agora, Iglesias recordou que o incremento do 30% do impacto económico do turismo no período 2004-2007 débese fundamentalmente ao incremento dos ingresos procedentes do turismo internacional, o cal é resultado á súa vez da aposta da Xunta e do Concello no seu día polas liñas de baixo custo. Así, o impacto económico do turismo internacional medrou no devandito período un 53%, ata cifrarse en 2007 en 1.471.000 euros.

Recordou tamén que, en 2007, Santiago foi o destino urbano que máis medrou no conxunto de España, un 13,82%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, que xustifica o incremento tamén polo incremento dos turistas estranxeiros.

En referencia a estas e outras cifras, insistiu en que "ninguén pode esquecer que Santiago é o motor do turismo en Galicia". De feito, entre o 80% e o 85% da xente que visita Galicia, pasa por Santiago. Só falando do impacto dunha compañía como Ryanair, indicou que en 2008 chegaron a través desta liña aérea 140.800 viaxeiros, e no primeiro semestre de 2009 xa chegaron 100.262. "Santiago e Galicia non poden renunciar a estas cifras", apuntou o concelleiro, polo que demandou da Xunta que "siga apostando polas liñas de baixo custo".

"Pedimos xustiza –reclamou Iglesias- e manter cando menos o que tiñamos ata o momento". Reiterou que "se en Santiago non saen as contas do turismo, non sairán tampouco as de Galicia". O sector turístico, lembrou, supón o 10,9% do PIB galego e xera máis de 130.000 empregos.

Compartir: