TURISMO

Unha tapa de papada de porco con cigaliña gaña o concurso "Santiago(é)Tapas"

15/07/2009 A Papada de porco con cigaliña e limón do restaurante Tafona é a mellor tapa do 2009 en Santiago de Compostela, segundo o veredicto do xurado do II Concurso Santiago(é)Tapas, que pechou dúas semanas de intenso tapeo cunha gala de premios no Mercado de Abastos.

Os resultados do concurso superaron con creces aos da primeira edición no 2008: consumíronse 27.000 tapas –un 20% máis co ano pasado-, empregáronse 8.000 Tapasportes –un 25% máis- e entregáronse xa 150 premios aos participantes que completaron rutas do concurso, entre eles 5 pantallas LCD, fins de semana de aloxamento e catas. Ademais este ano púxose en marcha unha páxina de Facebook que reuniu a máis de 1.600 admiradores de Santiago(é)Tapas.

Os premios do xurado

O xurado estivo constituído por cociñeiros, hostaleiros, xornalistas, bloggers gastronómicos e expertos en calidade alimentaria que probaron as tapas de incógnito. Os seus premios foron:

- Mellor Tapa 09: Papada de porco con cigaliña e limón. Restaurante A Tafona. Recibe 2.000 euros, diploma e agasallo.

- Tapa Tradicional 09 (tapa inspirada na tradición gastronómica e con produtos galegos): Filloa ‘O Catro’. O Catro. Recibe 1.500 euros, diploma e agasallo.

- Tapa Creativa 09 (elaborada con produtos galegos pero con técnicas innovadoras): Empanada de polbo seco á lapa. Acio Restaurante. Recibe 1.500 euros, diploma e agasallo.

- Estrella Galicia 09 (tapa que mellor marida con cervexa Estrella Galicia): Cubo crocante de atún con marmelada de tomate avainillado. Garum Bistró. Recibe unha viaxe a Praga para dúas persoas.

- Galicia Calidade 09 (tapa que mellor emprega produtos galegos de calidade): Brocheta de luriñas con maionesa verde de algas e pó de nori. Restaurante Tapería Castelao. Recibe 1.500 euros, diploma e agasallo.

Os premios do público

O público elixiu a través do seu voto directo a mellor tapa e o estabelecemento coa mellor atención e servizo.

- Tapa do Público 09: Con nota media de 4,766 puntos sobre 5: Bacallau Maravillau. Madam Ragú. Recibe 1.500 euros, diploma e agasallo.

- (é)xcelente 09 Con nota media de 4,761 sobre 5: Madam Ragú. Recibe 1.500 euros, diploma e agasallo.

Como dato adicional, a puntuación media do público para o conxunto das 109 tapas foi de 3,990 puntos, e a puntuación media á excelencia dos locais foi de 4,252.

Compartir: