ALCALDÍA

Moita música e obradoiros na apertura dunha nova edición de Ferradura Aberta

15/07/2009 Un concerto da Banda Municipal de Música e outro de músicas do mundo a cargo do trío acústico Amecer deron inicio a Ferradura Aberta 2009. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, tampouco quixo faltar a esta primeira xornada de actividades.

Sánchez Bugallo, acompañado de varios concelleiros, percorreu os distintos obradoiros e espazos desta Ferradura Aberta, convertida xa un referente de lecer dos veráns de Compostela. Ata o 29 de xullo, o paseo da Ferradura, na Alameda, é escenario dunha proposta lúdica e didáctica para rapaces de 2 a 14 anos.

Os que se acheguen a Ferradura Aberta pode participar en diversos obradoiros: cestería, construción de xogos e xoguetes, medio ambiente, encadernación, papiroflexia e tren turístico, entre outros. Destacan nesta edición o taller do club canino "Só lles falta falar", para ensinarlles aos nenos e nenas a perderlle o medo aos cans, aprendendo a reaccionar axeitadamente diante da presenza de calquera can. Tamén novidosa é a xincana da lingua, co obxectivo de chegar a unha aprendizaxe máis dinámica e á asimilación dos valores de tolerancia e respecto cara as linguas e culturas do mundo.

Deporte e espazo para os máis pequenos
Para os máis deportivos, hai un espazo para perfeccionar habilidades e técnicas en diversas disciplinas: xadrez e xogos de mesa, garabato de xogo, esgrima, tenis de mesa, deporte Wii, pista de skate e xincana ciclista.

Os máis pequenos, de 2 a 5 anos, tamén contan cun espazo lúdico específico para eles. E para que os pais e nais e acompañantes dos nenos poidan conversar, informarse ou simplemente descansar, tamén hai un espazo para eles.

Ferradura Aberta está dirixido a rapaces de 2 a 5 e de 6 a 14 anos. Desenvolverase ata 29 de xullo de luns a venres, de 18:00 a 21:00 horas. A participación é de balde. Durante o desenvolvemento do programa está aberto un servizo de información e recepción no paseo da Ferradura. Tamén se pode solicitar máis información nos teléfonos do Concello 981 554 400 ou 981 528 730.

Compartir: