COMERCIO

Pecados de Compostela gaña a edición de verán do Concurso de Escaparatismo

15/07/2009 Pecados de Compostela, Óptica Pontecastro e Sistemas de Seguridade A-1 obtiveron, respectivamente, o primeiro, segundo e terceiro premio da edición de verán do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping. O obxectivo deste certame é contribuír á dinamización e mellora dos estabelecementos en activo, incentivando a súa capacidade creativa e a súa imaxe.

Entre os comercios participantes predominaban os de alimentación, téxtil e confección, e artesanía. A lista de inscritos tamén incluía estabelecementos de comercio xusto, decoración, óptica, seguridade, artes escénicas, tecnoloxía da información e a comunicación, xoiarías e perfumarías.

O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, anunciou que o estabelecemento clasificado en primeiro lugar foi a tenda de delicatessen Pecados de Compostela, situada no Cantón do Toural, 5. O xurado valorou o formato innovador do escaparate, integrado no concepto global da tenda.

O segundo premio acadouno Óptica Pontecastro, localizada na praza do Doutor Ponte Castro, 6. O xurado destacou a frescura que transmite o escaparate que, con moi poucos elementos é capaz de situar ao público na época do ano en que estamos, captando a súa atención.

O xurado acordou conceder o terceiro premio á tenda Seguridade A-1, situada na rúa da República Arxentina, 29. O xurado valorou a división do escaparate en dúas referencias mariñas, praia e fondo do mar, alusivas á época do verán; nunha disposición difícil de acadar debido ao tipo de produto que comercializa.

O xurado valorou conceptos como a orixinalidade, ambientación e eficacia da mensaxe publicitaria atendendo ás condicións dos establecementos. Na súa decisión prima tanto o escaparate como o interior do comercio.

Os premios para os comercios gañadores consisten en campañas publicitarias a nivel local por valor de 5.156 euros para os primeiros clasificados en cada unha das edicións, de 2.306 euros para os segundos, e de 1.682 euros para os terceiros clasificados. Contabilizando as catro edicións, no VI Concurso de Escaparatismo está previsto repartir 36.580 euros en premios. Na edición de primavera os estabelecementos gañadores foron, por esta orde, Tokonoma Iluminación, Xoguetería Vagalume e Xocoátel.

Compartir: