ALCALDÍA

Santiago, Lugo e A Coruña conformarán un "triángulo máxico" para impulsar o Patrimonio Mundial galego

14/07/2009 O venres 17 de xullo, ás 10:30 horas, o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, xuntarase na capela de Pedrafita do Cebreiro cos alcaldes de A Coruña, Javier Losada, e de Lugo, José López Orozco. Dende aquí emprenderán xuntos un tramo do camiño francés de cinco quilómetros que vai dende O Cebreiro ata o Hospital da Condesa, a onde está previsto que cheguen sobre as 12 do mediodía.

No camiño de entrada á igrexa do lugar, o alcalde de Santiago dará lectura a un manifesto no que os alcaldes mostrarán o seu apoio aos Patrimonios Mundiais das tres cidades: o casco antigo de Compostela, o Camiño de Santiago, a Torre de Hércules e a Muralla Romana.

O comunicado reivindicará o compromiso de protexer o "triángulo máxico" que conforman as cidades de A Coruña, Lugo e Santiago de Compostela para que os seus patrimonios cheguen intactos ás xeracións futuras, convertendo a nosa historia nun sinal de identidade e promovendo un turismo cultural que amais de identificarnos como galegos, axude a dinamizar a economía deste país.

Segundo Sánchez Bugallo trátase de "poñer en valor este escenario extraordinario onde conflúen catro bens declarados Patrimonio da Humanidade". O manifesto será trasladado ás distintas administracións, e tamén a outros organismos e á cidadanía en xeral para que se involucren na creación dun itinerario turístico entre as tres cidades, co obxectivo de facer de Galicia un destino de excelencia.

Compartir: