CIRCULACIÓN VIARIA

Unha ordenanza pioneira en Galicia regulará as áreas de aparcamento para residentes

14/07/2009 Unha nova ordenanza, que será levada ao Pleno do 30 de xullo, regulará o servizo de ordenación e regulamentación do aparcamento (ORA), nas prazas ordinarias e nas de reserva, así coma os diferentes réximes para a súa correcta utilización. A ordenanza é pioneira en Galicia nalgúns dos seus aspectos, especialmente nos relativos á reserva de prazas para os residentes.

A concelleira de Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, explicou as principais características deste proxecto de Ordenanza, aínda aberta a modificacións. Incidiu en que o seu obxectivo é "optimizar o uso racional dun ben tan escaso coma o aparcamento, priorizando o seu uso polos residentes".

Os veciños de Santiago, segundo a súa área de residencia, terán a posibilidade de obter unha tarxeta que lles permitirá o uso de determinado número de prazas reservadas no seu sector correspondente. Estes sectores e o número de prazas que se reservará para residentes en cada un deles serán fixados pola Xunta de Goberno Local e unha vez consultados os colectivos veciñais. Este réxime funcionará fóra da zona ORA.

A ordenanza é pioneira en Galicia no que se refire ás reservas en zonas ORA. Así, establécese a posibilidade de reservar zonas de residentes para que estes poidan utilizalas totalmente de balde no horario non regulado. Cómpre recordar que a zona ORA funciona de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres e de 8:00 a 14:00 horas os sábados. Os residentes poderían empregar esas prazas reservadas gratuitamente fóra dese horario.

Réxime de residentes
A obtención das tarxetas de residentes aparece regulada no capítulo V da ordenanza. Os beneficiarios deberán acreditar en todo caso o seu empadroamento en Santiago, o tipo de propiedade respecto do vehículo ou estar ao corrente de pago dos seus impostos, entre outros requisitos. Poderase conceder un distintivo por persoa e vehículo e un segundo ao cónxuxe, parella de feito ou descendentes que vivan no mesmo domicilio.

No capítulo II, a Ordenanza establece as categorías de regulación ordinaria do aparcamento (cor azul): réxime xeral, cun tempo máximo de estacionamento de 120 minutos; curta duración, 90 minutos; e longa duración, 240 minutos; así coma os réximes excepcionais. A zona de residentes por razón de domicilio marcarase coa cor verde.

A Ordenanza tamén regula as distintas autorizacións para aparcamentos ou as exencións que se formulan aos réximes sinalados. En canto ás áreas reservadas a determinadas persoas ou vehículos, a novidade vén no apartado de persoas con discapacidade, coa esixencia de que o vehículo que faga uso da área reservada leve neste momento á persoa discapacitada.

As actividades diferenciadas, o réxime de infraccións e sancións, a habilitación á Xunta de Goberno Local para modificar horarios e delimitacións de zonas e os anexos coas rúas incluídas en cada zona ORA completan este proxecto de ordenanza.

Documentos relacionados



Compartir: