ALCALDÍA

Caixanova e o Concello amosan nas rúas e prazas de Santiago "As Torres da Alhambra" de Cristóbal Gabarrón

10/07/2009 Caixanova, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, presenta a exposición "AsTorres da Alhambra", unha mostra de esculturas do artista murciano Cristóbal Gabarrón que encherá de cor ata o día 9 de agosto diferentes prazas e rúas compostelás, como a Alameda, a Praza de Cervantes e a Praza do Toural, o contorno de San Francisco ou a Praza da Azabachería. O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, o alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e o propio autor das pezas, Cristóbal Gabarrón, foron os encargados de inaugurar a mostra.

O conxunto de esculturas baséase, como o seu propio nome indica, no monumento granadino da Alhambra, un complexo arquitectónico de constante referencia para o mundo. As súas torres foron testemuñas de perfecta convivencia, respecto e tolerancia. A comezos do século XXI, o pintor e escultor Cristóbal Gabarrón achégase ao monumento e ás súas torres buscando a simbiose cultural e artística que se manifesta de maneira harmónica ao visitante no interior do recinto amurallado. A convivencia das culturas árabe, xudía e cristiá, ten un marcado protagonismo nas obras de Gabarrón.

Estas dezaseis monumentais esculturas, que miden entre 3,20 e 5,90 metros, están realizadas en fibra de vidro policromada e insírense no medio urbano, constituíndo un aporte, un modo de interrelación entre o suxeito, visitante casual ou intencionado, e o obxecto escultórico, usurpador temporal do espazo viario. Nesta relación, o espectador é sorprendido ante a ruptura na lectura tradicional, e enriquece na comparación a súa particular visión do mesmo.

Cristóbal Gabarrón (Murcia, 1945)
Humanista ante todo, cun estilo único e propio baseado na abstracción e no informalismo, Gabarrón vive e traballa a cabalo entre España e Estados Unidos. Artista interesado nunha cultura de ámbito polifacético, desde sempre mantivo unha estreita e permanente vinculación cunha serie de organismos internacionais: para o Movemento Olímpico desenvolveu unha importante labor creativa con motivo, entre outros, dos Xogos de Barcelona (1992) ou os de Atlanta (1996). Así mesmo, desde 1986 vén colaborando con Nacións Unidas e a súa obra "Our Hope for Peace" foi adoptada como imaxe do Ano Internacional da Paz.

Tanto a súa pintura como a súa escultura atópanse presentes en coleccións públicas e privadas e museos de todo o mundo, do mesmo modo que invadiu espazos urbanos como prazas, parques, igrexas ou cascos de veleiros de competición.

Compartir: