FESTAS

O monologuista galego Rober Bodegas fará o pregón do Apóstolo deste ano

09/07/2009 O concelleiro de Festas de Santiago de Compostela, Xosé Baqueiro, anunciou esta tarde o nome do pregoeiro do Apóstolo 2009, que será o monologuista galego Rober Bodegas, coñecido pola súa participación no programa de TVE El Rey de la Comedia e que actualmente colabora no magazine de La Sexta, Sé lo que hicisteis.

O concelleiro lembrou que tralo pregón do monologuista galego no balcón do Obradoiro, todos os presentes poderán gozar coa música da triunfita Nuria Fergó. Así mesmo, os ritmos latinos non faltarán nese primeiro día de festas coa inauguración de Espirito Latino na carpa situada na alameda, que contará con música e bailes, capoeira, djs e os grupos Brasukas (Brasil) e D’ La Habana (Cuba).

O concelleiro sinalou a importancia destas festas "que cada vez contan con máis participación cidadá de todas as idades e de todos os gustos" e engadiu que se trata dunha celebración "pensada para os veciños, visitantes e turistas que fan de Santiago unha cidade universal".

Baqueiro sinalou que haberá espazo para o cartel tradicional que contará coas xornadas do folclore galego, o Festa do Escalo de Chaián, o Campionato de Chave ou o XXXI Día do Traxe, xunto cos fogos no Obradoiro a noite do 24 que según mencionou o concelleiro "correrán a cargo da empresa italiana "Parente Fireworks" que xa conta con experiencia importante en cidades con cascos antigos como Florencia ou Verona".

A música do Toural
A Praza do Toural acollerá actuacións para todos os gustos, deixando espazo para a música tradicional galega, o jazz, os ritmos latinos, ou o pop, entre outros.

Concertos:

- Sábado 18, actuará o grupo do gaiteiro Pablo Seoane (24:00 horas).
- Domingo 19, amenizarán a noite o grupo tradicional Ultreia (24:00 horas).
- Martes 21, actuación de Quique Azambuya Trío, o uruguaio coñecido como Jazzman (23:30 horas).
- Xoves 23, o grupo brasileiro Basukas e o cubano D’ La Habana volverán a surmerxir ao público nos ritmos latinos (24:30 horas).
- Venres 24, serán os barceloneses de La Caja de Pandora os encargados de amenizar a festa (24:30 horas).
- Martes 28, actuación do grupo cubano La Banda de Yofi (23:30 horas).
- Mércores 29, Proyecto Cumaco fusionarán o jazz cos ritmos latinos (23:00).
- Xoves 30, os neoiorquinos Klezmatics, farán bailar aos presentes ao ritmo do klezmer, a música dos xudíos askenazíes de Europa Oriental (01:00 horas).
- Venres 31, os gañadores do primeiro festival de Música Xove, Liridade Noctámbula, pecharán a xolda no Toural (24:30).

Centenario da Exposición Rexional
As Festas do Apóstolo incluirán no seu programa unha significativa novidade para conmemorar o centenario da Exposición Rexional Galega, que inaugurou en Compostela o rei Alfonso XIII o 25 de xullo de 1909. As actividades terán un acto central o día de Santiago, pola tarde, na Alameda.

Baqueiro sinalou que se trata "dunha reprodución dos usos e costumes da época e do propio desfile da Exposición, percorrendo deste xeito os lugares por onde transcorreu no 1909".

Ademais, no Apóstolo celebraranse outros grandes espectáculos musicais, a metade deles de carácter gratuíto, como os concertos de Nuria Fergó, Lousiana Gospell Choir, Ojos de Brujo, Roy Paci & Aretuska, Gaiteiros de Lisboa, Pepe Vaamonde Grupo, Diego El Cigala, Fangoria, Macaco ou Sara Baras, co seu espectáculo JUANA V CENTENARIO, JUANA LA LOCA.

E a novidade de Explosión Pop, que contará co mellor pop dos 80, con grupos e cantantes como Siniestro Total ou Josele Santiago, entre outros artistas.

Compartir: