ALCALDÍA

O grupo parlamentario socialista reúnese co alcalde para falar das prioridades da cidade

09/07/2009 O voceiro do grupo parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, acompañado dos deputados Manuel Lage Tuñas e Modesto Pose, mantivo hoxe co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo unha reunión de traballo na Casa do Concello.

O alcalde agradeceu aos representantes do grupo parlamentario socialista "a deferencia de visitarnos para interesarse e coñecer sobre o terreo cales son as nosas preocupacións e qué esperamos do novo goberno e da Xunta de Galicia".

Bugallo explicou que "a información que se lle facilita ao grupo parlamentario socialista é coincidente coas peticións que se lle fixeron desde o Concello ao presidente da Xunta porque non hai necesidades diferentes en función de cal é o interlocutor, senón en función das necesidades obxectivas e reais da cidade".

Entre estas necesidades, o alcalde resaltou a petición dunha data para a Cidade da Cultura "razoábel, críbel e viábel", así como a resolución dos accesos á mesma, posto que, na súa opinión, "se a queremos poñer en valor hai que conectala". Nisto coincidiu o voceiro do grupo parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen pediu á Xunta "saber que nos próximos cinco anos a Cidade da Cultura vai ser completada, o que non só é posíbel desde o punto de vista técnico senón tamén imprescindíbel para non dilatar excesivamente un proxecto que é unha inxección de recursos moi notábel para Santiago".

Leiceaga e Bugallo falaron tamén da aposta por apurar os investimentos do Xacobeo para garantir que o 1 de xaneiro de 2010 estea todo feito a fin de que sexa "un ano espectacular para Santiago e Galicia".

Por outra banda, pediron á Xunta a posta en marcha do parque empresarial da Sionlla, posto que "só necesita completar os trámites de carácter administrativo para que empecen as obras e sexa unha realidade canto antes", dixo Leiceaga. Outros temas de "gran transcendencia" que están en mans da comunidade autónoma e "non necesitan grandes investimentos", explicou Leiceaga, son a conexión entre o Polígono do Tambre e a estrada de Carballo, un tramo de tan só dous quilómetros que "melloraría a mobilidade en Compostela e contribuiría á vertebración do territorio compostelán co norte da provincia".

Así mesmo, os socialistas pediron "un compromiso firme en materia de servizos sociais para garantir a construción dunha nova residencia en Fontiñas" e "o amoblamento e posta en funcionamento da residencia de Pontepedriña". Por último, pediron a axilización do Plan de Transportes Comarcal, asinado con todos os concellos, que "está só pendente da sinatura por parte do novo goberno", dixo o voceiro do grupo parlamentario do PSdeG-PSOE.

Compartir: