ALCALDÍA

A Fundación Caixa Galicia e o Concello de Santiago de Compostela asinan un convenio cultural de 510.000 euros

09/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, asinaron hoxe no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración entre a Fundación Caixa Galicia e o Concello para a realización de diferentes actividades culturais.

Os novos proxectos culturais que se desenvolverán baixo este convenio anticipan a promoción do próximo Ano Xacobeo 2010, o que significará unha excelente oportunidade para exhibir a riqueza cultural desta histórica cita así coma un importante estímulo ao tecido produtivo da capital galega.

O texto inclúe unha aportación de 510.000 euros para o desenvolvemento dun programa cultural de calidade que satisfará os gustos e diversas preferencias dos cidadáns.
As actividades programadas, cuxa organización e realización se repartirán entre o Concello e a Fundación Caixa Galicia, atenderán a diversas disciplinas artísticas. Entre elas son especialmente salientables exposicións como "Tarsila de Amaral", "Miradas: Galicia no mundo", eventos musicais como o "Compostela Festival, Músicas do Mundo" ou os ciclos de "Cinema infantil" e "Cinema nas aulas".

Así mesmo, en complemento á oferta artística, ambas entidades continuarán colaborando en liñas conxuntas que melloren o tecido produtivo da capital galega, como é o epígrafe de Promoción Económica incluído no convenio que estabelece un "programa de asesoramento ao comercio".

Esta colaboración significa para a Fundación Caixa Galicia e o Concello de Santiago de Compostela unha reafirmación do frutífero compromiso que manteñen desde fai anos e que beneficiaron, nos últimos seis anos, a 1,8 millóns de persoas, tras unha aportación acumulada de 60 millóns de euros investidos no período 2002-2008.

Compartir: