CULTURA

Convócase a XI edición do "Premio de Investigación Antonio Fraguas" sobre o Traxe Tradicional Galego

28/10/2005 A Asociación do Traxe Galego, entidade cultural sen ánimo de lucro que desde 1995 vén traballando desde distintas vertentes sobre o obxectivo xeral da promoción, dignificación, uso e disfrute do traxe tradicional galego, organiza este certame.

Desde hai once anos, a Asociación do Traxe Galego ven promovendo anualmente a convocatoria do único premio de investigación sobre o Traxe Tradicional que se celebra na nosa Comunidade. O prestixio dos membros do Xurado
-entre outros, Xosé Manuel González Reboredo, do Consello da Cultura Galega, Ana Blanco, da Fundación Rosalía de Castro, Felipe Senén, da Diputación de A Coruña e Xesús Ferro do Centro Ramón Piñeiro- encargados da avaliación dos traballos, o coidado na súa selección e a mesma dotación económica dos premios vén facendo que a participación de investigadores se incremente progresivamente desde o primeiro ano da súa convocatoria.

O premio fallarase na primeira quincena do mes de Decembro.

Rematado o prazo de admisión, os traballos son remitidos aos membros do xurado que, tras valoralos individualmente, celebran unha sesión de traballo conxunta para a toma de decisión na sede da Asociación do Traxe Galego (na rúa da Atalaia nº 2 baixo) de Santiago de Compostela.

A publicación do fallo e entrega de premios ten lugar no mesmo serán, nun Acto de Honra no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago. A data definitiva para a presente edición de 2005 está pendente da decisión do servicio de Protocolo do Concello de Santiago para reserva da sala.

As características da convocatoria, dos prazos e dos premios veñen fixadas anualmente nas bases do certame, das que lle remito un exemplar adxunto.

O presuposto total de organización da presente convocatoria, nas previsións de organización da Asociación do Traxe Galego, alcanzará os 2.400 euros, dos que 1800 se destinan a premios.

A firma comercial "Centro Comercial Compostela y Tiendas El Corte Inglés" colabora activamente ano tras ano coa Asociación do Traxe Galego na convocatoria do "Antonio Fraguas" e financia integramente con 1.200 euros o Premio na modalidade de "traballos analíticos".

Documentos relacionados



Compartir: