TURISMO

Máis de 6.500 tapas consumidas na primeira fin de semana do concurso

02/07/2009 Un total de 6.500 tapas degustadas en 4 días, 2.300 Tapasportes recollidos, 70 Tapasportes de empresa entregados e máis de 1.200 admiradores no Facebook son algúns dos datos de inicio do concurso Santiago (é)Tapas.

O Concurso Santiago(é)Tapas non puido ter mellor inicio. Entre o xoves 25 e o domingo 28 e xuño, os composteláns e visitantes da cidade consumiron máis de 6.500 tapas presentadas polos 50 estabelecementos participantes, e recolleron máis de 2.300 Tapasportes para participar nas degustacións. A procedencia das persoas que recolleron o seu Tapasporte e diversa: hai persoas de Galicia e toda España, pero tamén de múltiples países como Brasil, Canada, Colombia, Finlandia, Irlanda, Italia, Portugal ou Estados Unidos.

Organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostelería Compostela, o concurso busca a mellor tapa da restauración compostelá, á vez que invita a gozar da cidade percorrendo as 5 rutas desta peregrinación gastronómica: praza do Obradoiro, praza de Cervantes, praza de Galicia, praza Roxa e Camiño Francés.

Premios para os máis tapeadores
Visitantes e composteláns lanzáronse dende o primeiro día a probar as 109 tapas con tal entusiasmo que xa son 5 os Tapasportes presentados nas oficinas do concurso con todas as rutas cubertas. Estes afeccionados ás tapas recibirán cada un unha pantalla LCD cedidas por Comercial Daviña, pero aínda quedan outras tres para ser sorteadas entre os demais participantes que logren completar as cinco rutas.

Pola súa parte, os 8 primeiros que completen 4 das rutas recibirán unha fin de semana de lecer nun hotel de turismo rural galego, ofrecidos por Turgalicia. E aínda hai premios e sorteos para os que completen 1, 2 e 3 etapas, e un sorteo de billetes de Air Berlin entre os que voten cos pousavasos do concurso valorando as tapas degustadas.

Dos Tapasportes de empresa ao Facebook
Ademais dos 2.300 Tapasportes individuais, circulan pola cidade 70 Tapasportes de Empresa, correspondentes a traballadores de 15 empresas que fan piña para probar as tapas. Para eles está reservado un premio dunha fin de semana nun estabelecemento de Pousadas de Compostela, que obterá a empresa coa mellor media de tapeo.

Como curiosidade, cabe sinalar que a páxina de Facebook do concurso reúne xa a máis de 1.200 ‘admiradores’ de Santiago(é)Tapas que intercambian experiencias sobre as degustacións, comentan as fotos e informan sobre a súa carreira na obtención de selos para os seus Tapasportes.

As rutas, os estabelecementos participantes, as receitas que presentan a concurso, os premios e as normas poden consultarse na web www.santiagoetapas.com. O Tapasporte pode recollerse na oficina da praza de Galicia, en Turismo de Santiago (rúa do Vilar, 63) e nos estabelecementos participantes.

Compartir: