ALCALDÍA

A cidade acollerá en 2010 un congreso internacional sobre promoción da literatura entre a infancia

02/07/2009 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi ao comisario do XXII Congreso Internacional IBBY, Xosé Antonio Neira Cruz. Este evento celebrarase en Santiago entre o 8 e o 12 de setembro de 2010, co obxecto de intercambiar experiencias e desenvolver iniciativas de promoción da lectura para a infancia en todos os países do mundo.

O comisario do Congreso explicoulle ao alcalde os detalles desta convocatoria, que leva como lema "A forza das minorías" e que reunirá na cidade a centos de congresistas de diversos países do mundo. Conferencias, seminarios, talleres, mesas redondas e reunións integrarán un amplo programa a desenvolver ao longo de cinco días.

Este Congreso cobra especial significación nunha cidade como Santiago, na que o Concello realiza diversas accións de promoción da lectura entre os máis novos. Exemplo das mesmas é a Campaña de Animación á Lectura, organizada anualmente pola Concellería de Educación.

A International Board on Books for Young People (IBBY) é un colectivo composto por asociacións e persoas de todo o mundo comprometidas coa idea de propiciar o encontro entre os libros e la infancia. Fundada en Zurich (Suiza) en 1953, está constituída por setenta seccións nacionais. En España, IBBY está representada pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), sección española da IBBY con sede en Madrid. OEPLI está organizada en catro seccións, da que a galega é a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX). Está prevista a creación dun Centro IBBY das Literaturas Infantís e Xuvenís da Diversidade Cultural en Santiago de Compostela.

Compartir: