MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Remata o prazo para inscribirse en "Xogandoando"

01/07/2009 Vive o Verán!, unha iniciativa das concellarías de Cultura e Centros Socioculturais e de Medio Ambiente presnta unha ampla oferta de actividades ao aire libre para todos as idades. Para os máis novos, de 7 a 14 anos, hai unha en concreto que en 2008 tivo grande éxito, polo que nesta edición amplíase, xa que dobra o número de prazas e aumenta nunha semana máis a súa oferta: Xogandoando, proxecto de tempo libre infantil. Celébrase no Local Sociocultural da Pontepedriña do 6 ao 10 de xullo e do 17 ao 21 de agosto e en horario de 10:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30 horas, con 50 prazas para cada un dos horarios.

O prazo para inscribirse na primeira das semanas, a que comezará o luns, 6 de xullo, amplíase ata o venres, 3 de xullo. Para facelo hai que cubrir a folla de inscrición, que se pode recoller en calquera centro da Rede de CSC, e entregala xunto cunha fotocopia do libro de familia ou DNI do rapaz ou rapaza e unha fotografía no Rexistro Xeral do Concello ou nos rexistros auxiliares situados nos CSC das Fontiñas e do Ensanche, en horario de 9:00 a 14:00 horas. O custe da actividade é de 10 euros para cada unha das semanas e só se poderán anotar a unha quenda por semana. É dicir, os rapaces teñen que elixir entre o horario de mañá ou o de tarde. O número máximo de rapaces que pode anotar cada persoa é catro, agás se pertencen a familia numerosa de máis de catro fillos. As inscricións para a segunda semana serán do 23 de xullo ao 15 de agosto.

Xogandoando pretende potenciar a faceta do verde urbano, recuperar eses espazos para os nenos e nenas para os seus xogos. En concreto, as actividades faranse no parque Eugenio Granell. A través do xogo aprenderán a entender o seu contorno, respectar o medio e, en definitiva, aprender a ser mellores cidadáns e cidadás de Compostela. Cada xornada dedicarase a potenciar o valor do xogo compartido nun ambiente alegre e relaxado no que todos e todas as participantes se sintan parte do grupo. Xogos de presentación, populares, de descuberta do parque e contos en medio das árbores sentindo a beleza do parque e adentrándose nel polo camiño da fantasía e da imaxinación. De seguro unha oferta que agradará aos máis novos.

Un amplo programa de actividades
Vive o Verán!, que cumpre a súa segunda edición, é un programa conxunto de ambos departamentos, que profundiza nunha liña de colaboración que se mantén ao longo de todo o ano. Así a estrutura da Rede de Centros combinase cos espazos dos Parques de Compostela para realizar actividades conxuntamente. Unha oferta que convida aos usuarios habituais da Rede, e a toda a cidadanía en xeral, a gozar das zonas verdes de Santiago durante os meses estivais.

O programa de 2009 dá continuación e mellora a oferta de 2008, no que case 2.500 persoas participaron da iniciativa. Así, haberá un incremento das actividades físicas, aumentando as xornadas de tai-chi e ximnasia nos parques ata os catro días á semana. Ademais, incorporaranse actividades de ximnasia en horario de 20:00 a 21:00 horas. Outra das novidades é a oferta de cinema ao aire libre no rural, que achegará a sétima arte a parroquias e lugares nos que rara vez se teñen realizado proxeccións cinematográficas. Tamén se constatan novidades a nivel de contido, con programas anovadores como o obradoiro de construción de papaventos, observación de estrelas, liberalibros, os xogos tradicionais ou as excursións ao parque acuático de Cerceda.

En canto ao programa de roteiros polos ríos de Compostela, que percorrerán os cursos fluviais do Sar, Sarela, destacara que, por primeira vez, tamén se celebrarán no Tambre. Novidosos serán tamén os roteiros por Santa Lucía e polo itinerario da futura Vía Verde. Ademais, as visitas guiadas aos parques da cidade permitirannos coñecer máis a fondo estes espazos privilexiados para gozar e aprender do medio ambiente.

Compartir: