PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Ábrese na Casa das Asociacións a exposición "O cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción"

30/06/2009 O mércores 1 de xullo ábrese na Casa das Asociacións a exposición "O cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción". Esta mostra, realizada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta, forma parte do Programa de Verán da Casa das Asociacións, promovido pola Concellería de Participación Cidadá, e poderá visitarse ata o 15 de xullo. Neste mesmo espazo veciñal, o martes 30 rematou a primeira entrega do curso "Falando en verde".

O cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción pretende dar a coñecer aos visitantes o problema ambiental do cambio climático, informando sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Ademais, intenta estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima, que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

A exposición consta de diversos paneis relativos a cuestións coma o cambio climático, os impactos na natureza, o tempo e o clima, a atmosfera, o efecto invernadoiro, a protección do clima, a política internacional sobre o cambio climático, ou as emisións en Galicia, entre outros. A mostra tamén inclúe a proxección do documento audiovisual Cambio climático: ti tamén decides. Ademais, ofrece cadernos de traballo para escolares e a posibilidade de que estes participen a través de diferentes módulos.

Falando en verde
Tamén no marco do Programa de Verán da Casa das Asociacións e en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística, pechouse hoxe martes o obradoiro Falando en verde, con éxito de participación. De feito, xa hai algunha reserva para a edición do obradoiro que se celebrará do 1 ao 9 de setembro.

Este obradoiro, destinado a rapaces entre 7 e 12 anos, promoveu o emprego do galego á vez que achegou aos nenos coñecementos sobre o contorno natural da cidade e o medio ambiente en xeral. Foi tamén unha oportunidade para concienciar aos máis pequenos sobre a conservación da natureza dun éxito lúdico e didáctico.

Os interesados na edición de setembro poden inscribirse na Casa das Asociacións (Cornes), teléfono 981 542 350 e correo electrónico mtvazquezf@santiagodecompostela.gal; ou no Departamento de Normalización Lingüística (Pazo de Raxoi), teléfono 981 542 409 e correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal.

Documentos relacionados



Compartir: