ALCALDÍA

O alcalde preside o Buró Executivo da CCAA na cidade francesa de Caen

29/06/2009 O alcalde de Santiago, en calidade de Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), atópase presidindo o Buró executivo da mesma que está tendo lugar na cidade francesa de Caen. A primeira hora da tarde, Sánchez Bugallo presidiu a Comisión "Estratexia e Coordinación" liderada pola cidade de Santiago de Compostela, e durante a mañá participou nas sesións de traballo das Comisións "Cidades Atractivas e Solidarias" e "Desenvolvemento Urbano Sostible".

No transcurso desta xornada de traballo previa á celebración da Asemblea Xeral que se celebrará o martes 30 de xuño, definíronse as novas estratexias que seguirá a Conferencia no período 2009 a 2011. O obxectivo é darlle máis visibilidade e peso á Conferencia, especialmente en relación ás institucións comunitarias, neste período no que se deben comezar a negociar os fondos europeos posteriores a 2013 e no que as cidades queren ter a oportunidade de participar na toma de decisións e na orientación das liñas estratéxicas ás que se dedicarán estes fondos europeos.

A Comisión presidida por Santiago, a de "Estratexia e Coordinación", traballou, a través dun cuestionario que se pasou a tódalas cidades participantes na rede, nas solucións que as cidades poden plantexar de cara a afrontar a crise, o que deu como resultado unha proposta de Declaración Final na que se inclúen una serie de recomendacións que deberán ser ratificadas no transcurso da Asemblea Xeral. Será entón cando o Alcalde ceda a Presidencia rotativa da CCAA a unha das dúas cidades candidatas que formalizaron oficialmente ás súas propostas no Buró Executivo de hoxe: a francesa de Caen, capital da Baixa-Normandía ou a española de San Sebastián.

Dentro da CCAA, Santiago, coordina tamén o proxecto SUITE, cofinanciado polo programa europeo URBACT, e no que tamén participan as cidades francesas de Nantes e Rennes. Na sesión celebrada a semana anterior, centrada na búsqueda da integración urbana e a cohesión social nas vivendas de protección pública nas cidades, presentáronse tres elementos clave que tódalas cidades membro do proxecto poden extrapolar aos seus plans de desenvolvemento urbano: introducir a idea do ciclo da vida ao ter en conta o destino das vivendas públicas, a mestizaxe social como factor de integración social e o impulso de acordos a distintos niveis de administración e cos particulares para fortalecer o consenso cara este tipo de políticas urbano-sociais.

Compartir: