ALCALDÍA

O Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación formou un curso máis a conservadores e xestores de centros históricos

26/06/2009 No Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, clausurou o Máster en Renovación Urbana e Rehabilitación 2008/2009.

Este curso superior pechou unha nova edición formando aos alumnos na conservación dos centros históricos e na xestión pública dos mesmos. Arquitectos, aparelladores, historiadores da arte, sociólogos e outros profesionais da renovación urbana e a rehabilitación participaron neste máster.

Posto en marcha en 2005 pola Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación, este curso ten contidos fundamentalmente prácticos. A Aula responde á necesidade de técnicos e empresas cualificados e con coñecementos especializados na conservación efectiva dos centros históricos, así como de xestores públicos capaces de atender as demandas dos residentes, individualizando cada caso e asesorando e canalizando cada unha das demandas de asistencia na renovación das vivendas.

No curso analízanse presupostos prácticos e proxectos de rehabilitación urbana concretos, que atenden aos problemas actuais dos centros históricos de Galicia. Os proxectos realízanse coa perspectiva de poñerse en práctica de forma inmediata.

Compartir: