ALCALDÍA

O Concello de Santiago e FEBE concienciarán aos composteláns no consumo responsable de alcohol

28/10/2005 O Concello e a Federación Española de Bebidas Espirituosas asinaron un convenio de colaboración para evitar o consumo de alcohol entre os colectivos de risco.

O Concello de Santiago de Compostela e a Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE) asinaron hoxe, venres 28 de outubro, un convenio de colaboración para concienciar aos composteláns no consumo responsábel de bebidas alcohólicas. A loita contra o fraude ao consumidor e o control das mensaxes publicitarias son tamén obxecto deste convenio.

O acordo desenvolverase durante dous anos e incide especialmente en sensibilizar e concienciar aos colectivos considerados de risco -como son os condutores e os menores de idade- para que eviten o consumo de alcohol.

O convenio prevé, entre outras actividades, a posta en marcha do Programa "Un condutor cada noite", desenvolvido pola Fundación Alcohol e Sociedade. Este programa promove actitudes de responsabilidade entre os mozos diante do binomio alcohol/condución, achegando solucións reais e prácticas, como pode ser escoller dentro do grupo de amigos un condutor alternativo.

Así mesmo, está previsto realizar accións de vixilancia e control das mensaxes publicitarias como xeito de reflectir o esforzo que realiza o sector a través do desenvolvemento de ferramentas eficaces de autorregulación, sobre todo na publicidade e no patrocinio. Con estas iniciativas preténdese contribuír á protección dos menores e evitar a posible incitación a un consumo inaxeitado de bebidas con contidos alcohólicos.

Outras accións previstas están orientadas á persecución e control do fraude ao consumidor e á divulgación e formación para coñecer os hábitos de consumo e o seu tratamento.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que coa sinatura deste convenio o Concello pretende crear un marco de actuación e unhas ferramentas eficaces para previr e concienciar aos composteláns sobre a importancia do consumo responsable de alcohol.

Pola súa banda, o director Executivo de FEBE, José Ramón Fernández, destacou que "o sector das bebidas espirituosas aposta polo consumo responsable dos seus produtos, defendendo o consumo cero en colectivos de risco como, por exemplo, os condutores e os menores de idade. Con este fin traballamos na creación de actuacións dirixidas a concienciar aos cidadáns da necesidade de actuar con responsabilidade diante do alcohol".

¿Qué é a FEBE?
A Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE-Licoristas de España) agrupa a máis de 150 empresas produtoras e distribuidoras de bebidas espirituosas e produtos derivados que conforman o sector en España. FEBE ten como obxectivo informar e promover a responsabilidade activa do sector e potenciar a vocación de transparencia na súa actividade.

Nesta política de responsabilidade social no ano 2000 creouse a Fundación Alcohol e Sociedade, entidade sen ánimo de lucro que ten por obxectivo principal a loita contra o consumo de alcohol nos colectivos de risco. A Fundación Alcohol e Sociedade actúa de forma independente, con vocación de servizo público, achegando solucións realistas e prácticas cos seus proxectos.

¿Que é a FAS?
A Fundación Alcohol e Sociedade (FAS) foi creada pola FEBE como entidade sen ánimo de lucro encargada de desenvolver as iniciativas. Creada a mediados o ano 2000 o seu fin principal é a loita contra o consumo de alcohol nos colectivos de risco.

Compartir: